A CIG propón convocar unha folga xeral no Estado contra o tratado de libre comercio

O sindicato promovera unha grande mobilización social na Galiza contra un acordo que consideran lesivo para o pobo.

Suso Seixo, secretario xeral da CIG, palestrando onte en Vigo
photo_camera Suso Seixo, secretario xeral da CIG, palestrando en Vigo

O Tratado de LIbre Comercio UE-EUA pretende afondar na desregulación  co obxectivo de “crear unhas condicións económicas, sociais e laborais que lles permitan ser máis competitivas fronte ás economías asiáticas e nomeadamente a de China”, o que se traducirá en maior precariedade e máis empobrecemento.

Seixo anunciou, nunha entrevista publicada en Avantar, que darán traslado desta iniciativa á plataforma social europea Alter Summit, da que a CIG fai parte, considerando que ese paro debe coincidir tamén “con mobilizacións e folgas xerais en todos os países da UE”. No inmediato a central nacionalista acordou no seu Consello Confederal promover “unha grande mobilización social en Galiza” contra este tratado.

O tratado pretende impor unhas condicións económicas e sociais para competir á baixa con China

“Este Tratado non só afecta ás condicións económicas, sociais e laborais senón que pon en cuestión a propia capacidade dos povos para decidir sobre todas aquelas materias que afectan as súas condicións de vida fronte os intereses do capital transnacional” explica Seixo. Para a CIG de prosperar o TTIP tornaríase inviábel o exercicio da soberanía por parte dos Estados, xa que o tratado “contempla mesmo a posibilidade de que os inversores estranxeiros poidan demandar os estados diante de tribunais de arbitraxe para reclamar perdas de beneficios ocasionadas por decisións sobre políticas públicas”.   

“Por iso consideramos que é fundamental que aquelas institucións nas que resida a soberanía popular débeselles garantir que teñan soberanía real á hora de tomar decisións e sobre as que o pobo e as súas organizacións sociais teñan capacidade real de incidir no que nas mesmas se lexisle” acrecenta Seixo, quen entronca a súa denuncia coa reivindicación de plena soberanía nacional para Galiza, algo que considera “absolutamente necesario porque é o que nos garante a democracia e a supervivencia do noso povo”.

Comentarios