A CIG impulsa unha proposición de lei para garantir a aplicación da Carta Social Europea e o carácter vinculante das decisións do CEDS
O Congreso español debaterá e votará unha Proposición de lei para modificar a norma reguladora da Xurisdición Social co obxectivo de garantir o carácter vinculante das decisións do Comité Europeo de Dereitos Sociais (CEDS) e a súa obrigada execución por parte do Estado español.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anunciaron esta sexta feira na Coruña en rolda de prensa o contido e os motivos desta iniciativa, que se encadra no proceso aberto para a reforma do despedimento, e criticaron "a nula vontade do Goberno español para derrogar a reforma laboral de 2012 e as negativas consecuencias da sentenza ditada polo Tribunal Supremo (TS) o pasado 16 de xuño".
Nesa resolución, o TS "no canto de velar polo cumprimento dos tratados internacionais ratificados polo Estado español, considera que as decisións do CEDS non son executivas nin directamente aplicábeis entre particulares, deixándoa na práctica sen efecto", denunciou Carril.
Critica a CIG que "no canto de derrogar a contrarreforma do PP, o Ministerio de Traballo apostou por abrir no chamado diálogo social unha mesa para abordar esta cuestión", na que a patronal rexeitou participar. Carril denunciou o "nulo respecto pola pluralidade sindical ao recorrer ao diálogo social para excluír as centrais sindicais que, como a CIG, teñen a condición legal de máis representativas e o dereito á participación institucional".
Modificación da lei reguladora da Xurisdición Social
Segundo explicaron na rolda de prensa, impulsan esta proposta para modificar o artigo 219.2 da Lei 36/2011, do 10 de outubro de Xurisdición Social, engadindo no seu parágrafo segundo que "poderá invocarse a doutrina estabelecida nas sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión Europea en interpretación do dereito comunitario e nas decisións do Comité Europeo de Dereitos Sociais en interpretación da Carta Social Europea (revisada)".
Néstor Rego sinalou que a Carta Social Europea foi ratificada de maneira voluntaria polo Estado español, a súa versión revisada foi publicada no BOE no ano 2021, e, polo tanto, "enténdese que pasa a formar parte do ordenamento xurídico como calquera tratado internacional e debe ser de obrigado cumprimento". O deputado nacionalista agarda un "amplo apoio" da Cámara á proposición.