A CIG-Ensino traslada á ministra de Educación demandas urxentes para que se cumpra a "lexislatura do profesorado"

A secretaria nacional do sindicato citou, entre outras, a recuperación das 18 horas e a redución de ratios, a atención á diversidade, a reforma das oposicións, a creación dun único corpo docente A1, a revisión da LOFP e a xubilación anticipada.

Marta Ferreiro, Laura Arroxo e Milagros Tolón, esta segunda feira 26 de xaneiro. (Foto: Nós Diario)
Marta Ferreiro, Laura Arroxo e Milagros Tolón, esta segunda feira 26 de xaneiro. (Foto: Nós Diario)

A nova titular do Ministerio de Educación, Milagros Tolón, recibiu esta segunda feira a petición propia a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, e a secretaria de Finanzas e Saúde Laboral do sindicato, Marta Ferreiro, dentro da rolda de contactos que está a manter coas organizacións representativas do sector desde que asumiu o cargo. Un xesto de cordialidade que, cando menos, sinalou Arroxo, "contrasta coa actitude de desprezo que amosa o conselleiro de Educación cara o sindicato maioritario en Galiza, que lle leva reiterado a petición de inicio de negociacións durante todo este curso académico".

Durante a reunión coa nova ministra, que transcorreu nun clima de cordialidade, a responsábel da federación de Ensino da CIG lembroulle as palabras da súa antecesora ao respecto de que esta ía ser a lexislatura do profesorado e o "lonxe" que se situaba esta información. Malia recoñecer que se producira "con bastante rapidez" a negociación do Anteproxecto de Lei que pretende regular a recuperación do horario lectivo previo aos recortes de 2012 e a baixada de ratios, neste último caso "menos ambiciosa" do que quería o sindicato, agora a súa tramitación parlamentaria pode demorarse moitos meses e mesmo bloquearse polo que desde a CIG piden que se teña preparada outra medida para aprobar esta normativa antes de que finalice a lexislatura.

Durante a conversa tivo principal protagonismo a atención á diversidade. Partindo das estatísticas que anualmente publica o Ministerio, Arroxo amosou a súa preocupación pola falta de profesionais neste eido coa particularidade galega de que a baixada do horario en infantil e primaria non veu acompañada dun incremento no número de mestras e especialistas e tamén pola escola rural que deixa en desvantaxe a este alumnado ao carecer de persoal. 

Ademais, segundo lle trasladou Arroxo, hai outras cuestións que levan lastrando o bo funcionamento do sistema educativo, e que son competencia directa do Ministerio, "e que non deberían tardar en negociarse máis alá deste ano, como a actualización do Real Decreto de acceso e ingreso na función pública docente despois de 20 anos e a dificultade cada vez maior de encontrar profesionais en determinadas especialidades".

Aínda así, comentou Arroxo durante a reunión, "a reforma do sistema selectivo non garante a solución a este problema dado que é necesario prestixiar e facer máis atractiva a profesión docente, duramente castigada nos últimos anos polos recortes, a falta de recoñecemento social, a burocratización e as inxerencias administrativas".

A maiores, trasladoulle outros aspectos que o sindicato maioritario na Galiza considera fundamental abordar nas distintas mesas de negociación a nivel estatal, como a aprobación dun único corpo docente, enmarcado no grupo A1; a revisión da aplicación de Lei Orgánica de FP "que está resultando moi complexa de aplicar e alónxase dos resultados positivos desexados", e outras cuestiones de dereitos do profesorado, como a dignificación salarial e a regulación da xubilación anticipada "na liña de recuperar os dereitos anteriores á reforma das pensións de 2011".

Por último, na súa interlocución con Milagros Tolón, Arroxo salientou que "aínda que na CIG-Ensino apostamos pola negociación dunha lei de mínimos que permita o desenvolvemento das plenas competencias en materia de Educación na Galiza, é necesario avanzar no recoñecemento por parte do Goberno do Estado da súa realidade plurinacional, plurilingüística e pluricultural no ámbito educativo para frear o avance de posición totalitarias e reaccionarias ao que, lamentabelmente, no son alleas as aulas do noso país".

Comentarios