CIG-Ensino denuncia o "ilegal" despedimento do profesorado do CELGA

A central sindical nacionalista concentrouse perante a Secretaría Xeral de Política Lingüística para exixir que a Xunta aplique as resolucións das inspeccións de traballo e recoñeza a relación contractual d@s docentes do CELGA coa Administración.

CIG
photo_camera [Imaxe: CIG-Ensino]

A CIG-Ensino concentrouse esta terza feira (25 de marzo) perante as instalacións da Secretaría Xeral de Política Lingüística para denunciar o despedimento do profesorado que impartía o CELGA. Desde a central sindical nacionalista lembran que a Consellaría de Educación "está a actuar de maneira fraudulenta e irregular ao despedir a este colectivo de profesorado" en troca de adoptar "as resolucións das inspeccións" de traballo que obrigan a administración a dar de alta na Seguridade Social @s docentes. 

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, que encabezou a faixa durante a mobilización, anunciou que de non cumprir coa súa obriga legal a Xunta de Galiza, a central sindical promoverá demandas por despedimento entre o profesorado do CELGA para denunciaren os incumprimentos administrativos da Consellaría que dirixe Jesúa Vázquez Abad. 

A Consellaría incumpre a lexislación

Neste senso, Louzao lembrou que foi após as inspeccións de traballo desenvolvidas con motivo das denuncias presentadas pola CIG cando se soubo das condicións de traballo en que estaban a desenvolver a súa actividade est@s docentes. Así, as resolucións exixen que a Consellaría dea de alta na Seguridade Social a est@s traballador@s con carácter retroactivo e, asemade, pague unha sanción económica de máis de 200.000 euros. 

Porén, en troca de cumprir coa legalidade, a administración optou por despedir @s profesionais, un colectivo que abrangue máis de 400 persoas e d@s cales perto de 150 continúan desenvolvendo a súa actividade. Aliás, a Consellaría de Educación propuxo ao profesorado de Lingua e Literatura Galega que impartisen os cursos do CELGA como horas extraordinarias, unha iniciativa que desde a CIG tildan de "inadmisíbel, inxustificábel e de vergoña". 

Así é que a central sindical desenvolve desde hai tempo unha campaña entre o profesorado de Lingua e Literatura Galega para que se solidarice c@s docentes do CELGA e rexeiten asumir estas horas lectivas como extraordinarias. Unha acción que está a ter unha boa acollida, explicou o secretario nacional da CIG-Ensino, entre o persoal docente. 

Comentarios