A CIG denuncia a política forestal da Xunta, a ausencia de prevención e a situación do persoal que loita contra o fogo

"Moitas persoas das que están hoxe a loitar contra o lume teñen apenas días de experiencia e como entraron en plena campaña, non se lles puido formar adecuadamente”, denuncia

Dous brigadistas forestais traballan para extinguir as lapas no incendio forestal de Baleira, a 30 de marzo de 2023. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Dous brigadistas forestais traballan para extinguir as lapas no incendio forestal de Baleira, a 30 de marzo de 2023. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A CIG-Administración Autonómica lamenta os graves accidentes de compañeiros das brigadas estes días e solidarízase co persoal, coas súas familias e con todas as persoas que habitan nas zonas afectadas. Zeltia Burgos, responsábel nacional do sector advirte á Xunta de Galiza que “imos proceder a denunciar cada vez que se incumpra a seguridade do persoal, pediremos a investigación de cada accidente laboral e, por suposto, exixiremos responsabilidades”. Avanza ademais que “seguiremos a loitar por unha xestión de recursos humanos onde non se abuse do persoal, na mellora dos medios de extinción, na prevención e ante todo por unha xestión forestal e do territorio que free a conversión da Galiza nun auténtico polvorín”.

A secretaria nacional da CIG-Administración Autonómica alerta de que aínda non chegamos á segunda quincena de agosto e “as previsións cúmprense antes de tempo. Estamos tendo unha campaña de verán de lumes durísima, altamente perigosa e con milleiros de hectáreas queimadas”. Canda isto advirte de que os expertos anuncian que o peor virá nas próximas xornadas con Grandes Incendios Forestais (GIF) e condicións de alto risco para a cidadanía e para o persoal bombeiro, axentes forestais e o resto do persoal que traballa na primeira liña do lume. “Nestes días xa estamos a sufrir atrapamentos e situacións críticas, accidentes e lesións graves, que co cansazo acumulado e as condicións climáticas extremas previsiblemente van ir a máis”.

Subliña que as e os profesionais que traballan nos incendios da Galiza están afeitos a situacións de vaga de fogo cíclicas, e fan un grandísimo esforzo, cun grande compromiso co medio natural galego e a poboación. Salienta porén “a perigosidade e o risco de GIF, que é cada vez maior pois o combustible aumenta como consecuencia dunha mala xestión forestal da Xunta que prima as especies pirófitas e altamente inflamables”.

Burgos denuncia, por iso “o exercicio de escapismo” do Goberno da Xunta de Galiza, por responsabilizar desta situación “a dous meses de seca e a vaga de calor, provocadas pola cambio climático, eludindo o seu papel na xestión do territorio”. Nese sentido apunta que “na CIG temos claro que o que pon en risco ao noso país é o modelo forestal do PP baseado na eucaliptización e na venda do recursos naturais con ausencia total dunha formulación do territorio baseadana prevención de incendios forestais”. A isto engade o feito “obxectivo” que se rebelou xa nos fogos do 2006 e do 2017, de que “o problema era a biomasa forestal e o tipo de vexetación que temos no monte, o que fixo a Xunta foi aumentar irresponsablemente o risco permitindo e fomentando a acumulación de biomasa pirofita”.

A secretaria nacional do sector denuncia tamén a xestión “irresponsábel do operativo de loita contra incendios” que segue a ser, di, “improvisada e moi atomizada”. Explica que para o Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Consellería de Medio Rural “levamos xa 14 chamamentos de persoal, de máis 550 prazas, a maioría no mes de xullo. E as probas de aptitude físicas/visuais realizáronse dos días 21 ao 23 de xullo, o que significa que moitas persoas das que están hoxe a loitar contra o lume teñen apenas días de experiencia e como entraron en plena campaña, non se lles puido formar adecuadamente”.

Ademais apunta á teima da Xunta co modelo de contratación de brigadas municipais, "como na que traballaban os 3 compañeiros feridos no día de onte en Oímbra, que son brigadas non profesionais das que a contratación e xestión depende dos concellos e que tamén comezaron a traballar hai unhas semanas”.

Diferenzas nos horarios e na xestión de persoal  

Burgos explica que persisten as diferenzas de trato entre o persoal, “sobrecargando con ampliacións de xornada e horario (de 8 a 12 horas) día si e día tamén, e isto  no persoal fixo-descontinuo, xa que no persoal funcionario esa situación esta máis regulada. E, e aínda que dados os lumes que estamos a vivir poderían parecer xustificables, estamos a falar dunha carreira de fondo que de non ter descansos vai a aumentar exponencialmente o cansazo do persoal e polo tanto o risco de accidente. E por suposto a Administración segue a negarse a cubrir as vacacións e moitas das baixas que se producen: unha brigada minguada é unha brigada desprotexida; non é o mesmo traballar 2 ou 3 persoas que 6 ou 7”.

Falta de medios que aumenta o risco

 Zeltia Burgos clama, ademais, contra o feito de que o persoal “non está a recibir avituallamento nin auga nos incendios forestais, evidenciando o total descontrol na xestión no coidado do persoal que traballa nos lumes”.

Unha situación á que se suma que, logo de varios dias seguidos de grandes incendios forestais, haxa unha falta de reposición de equipos de protección individual. E que leven meses denunciando que a Administración “non garante un stock suficiente para repoñer por desgaste ou rotura ou simplemente para levar unha talla adecuada, fundamental para garantir a seguridade e non queimarse”.

Comentarios