A CIG denuncia as condicións laborais nas que traballaban os dous operarios falecidos na A-8
O Secretario Comarcal da FCM-CIG da comarca Lugo-A Mariña, Afonso Losada, manifestou este sábado o “seu profundo pesar e a rabia da organización” ante o falecemento de dous operarios de conservación de estradas na A-8 esta sexta feira.
Desde a CIG trasladaron o “noso máis sentido dó, abatemento e pesar ás familias e aos compañeiros e compañeiras dos dous traballadores falecidos”, amosando ao seu “enteiro dispor para o que precisen nestes momentos de desolación”. Así mesmo, informaron estar “pendentes e preocupados· pola evolución dos operarios feridos, aos que lles desexaron unha pronta melloría.
Desde a central sindical sinalaron que o sinistro é unha mostra da “cruenta realidade dun sector que traballa en condicións de risco extremo”, manifestando a súa absoluta indignación polas condicións de traballo na conservación de estradas. A CIG considera “intolerable que a clase traballadora teña que xogarse a vida a diario con tráfico aberto, a escasos metros de vehículos a gran velocidade, mentres as empresas e a administración miran para outro lado”.
A FCM-CIG recordou que “os operarios da A-8 levan anos de loita reclamando o plus de perigosidade polas durísimas condicións que soportan”, especialmente no alto do Fiouco.
Ante o sinistro o sindicato “denunciou a teimosía da empresa, que se negou reiteradamente a recoñecer este dereito o que levou ao estes traballadores e traballadoras a reclamar xudicialmente”.
O Xulgado do Social de Lugo rexeitou a petición dos operarios de mantemento a pesar de recoñecerllo ao persoal vixiante que realiza a maior parte da xornada nos seus vehículos sen unha exposición tan alongada ao tráfico rodado.
Desde a FCM-CIG demandaron que se “inclúa” nos convenios da Construción un anexo específico que regule as especias condicións das persoas traballadoras da Construción, polo que solicitaron “seguridade real e inmediata, recoñecemento económico do risco e un marco normativo que recolla a especificidade do sector”.
Un posicionamento compartido por Comisións Obreiras (CCOO) reclama, tras o accidente na A-8, a paralización “total” dos traballos de mantemento en autoestradas e autovías da Galiza "até que se acredite, por escrito e con garantías reais, que a actividade pode desenvolverse sen expór ao persoal a riscos innecesarios", dos que tamén alerta a CIG.
Esta demanda prodúcese un día despois de que dous operarios falecesen e outros dous resultasen feridos graves por mor dun atropelo rexistrado no quilómetro 587 da A-8, ao seu paso por Pígara, en Guitiriz (Lugo), dirección Asturias.

