CIG demandará a Yolanda Díaz a derrogación íntegra da reforma laboral

Unha delegación do primeiro sindicato na Galiza reunirase en Madrid o 10 de febreiro coa ministra de Traballo.

Paulo Carril (CIG).
photo_camera paulo carril cig

Precariedade, pobreza salarial, falta de emprego e de negociación colectiva... son algúns dos problemas na Galiza que centrarán a actividade da CIG para este ano. Estes serán tamén os eixos das demandas que o sindicato trasladará á ministra de Traballo, Yolanda Díaz, no encontro que manterán o 10 de febreiro e que irán da man dunha petición firme para derrogar integramente a reforma laboral.

Para a CIG "non poderá haber empregos e salarios dignos" mentres estea vixente "un só artigo" desta reforma, para a que non caben accións "parciais" e "en diferido" nin "falsidades" como as que entende que se deron ao redor do Salario Mínimo Interprofesional.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, advertiu en rolda de prensa que a mobilización social e a negociación colectiva vai ser "clave" para a recuperación dos salarios e para pór fin á precariedade laboral.

A CIG denunciou que o número de convenios sectoriais negociados foi 50 % inferior aos anos anteriores á crise, e moitos están "paralizados" pola falta de negociación ou da implantación sindical.

Galiza é o territorio coa xornada máis alta após Andalucía e aínda está "lonxe" de empezar a camiñar cara á recuperación do poder adquisitivo anterior aos recortes, sobre todo da baixada salarial do de 9% desde 2009, segundo o sindicato.

Os ingresos salariais na Galiza mantéñense, ademais, 3,3 por cento por baixo da media estatal e a participación da poboación asalariada na renda segue descendendo. Entre o 2009 e o 2018, os salarios aumentaron 5,2 por cento, pero a perda de poder adquisitivo real ascendeu ao 6,6 por cento, tendo en conta a inflación, segundo a CIG.

Isto transcorre, en paralelo, a unha "consolidación" das negociacións no marco estatal. Así, buscan incentivar e potenciar o marco galego, loitando pola a aplicación do rexistro de xornada contra os "abusos" nas empresas, contra as novas formas de explotación laboral, como as empresas multiservizos; a defensa dos dereitos do persoal falso autónomo; e afrontar a precariedade e a pobreza laboral, sobre todo coa brecha entre os mozos e as mulleres respecto ao resto da clase traballadora.

Algunhas das características que rexistra o mercado é o aumento da diferenza entre os que perciben máis e menos ingresos, a idade como factor de gran diferenza entre salarios, o aumento da desigualdade por sectores e o estancamento daquelas relacionadas co xénero ou entre a Galicia interior e o litoral.

Unha das reclamacións do sindicato radica na consecución dun salario mínimo que alcance o 60 por cento da media salarial e que sexa "de aplicación directa", é dicir, que non poida absorberse a través de complementos na nómina, ademais da eliminación do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM).

Así mesmo, incidirase na a aplicación do SMI na negociación colectiva, cláusulas de garantía salarial e a igualdade retributiva, sen discriminacións por razón de sexo.

Para facer fronte á precariedade, reclaman un control da subcontratación e ETT, da contratación a tempo parcial e das empresas multiservizos, ademais de cuestións de importancia como o rexistro de xornada ou do teletraballo.

Comentarios