CIG e CUT retrucan a Citroën que antes de pedir “contención salarial” ao cadro de persoal mire o que cobra a dirección

O director da planta viguesa apontou a necesidade dunha conxelación nos salarios. Os sindicatos lémbranlle que o beneficio neto do grupo aumentou en 40% ao tempo que as condicións laborais se endureceron.

citroen @cutcitroen
photo_camera Imaxe dunha mobilización en Citroën

As declaracións de Ignacio Bueno, director da factoría de PSA Citroën en Vigo, apontando a unha “contención salarial” do cadro de persoal da planta xa acenderon o sinal de alama na representación dos traballadores e traballadoras polo que poidan indicar dun novo recorte salarial. A CIG lémbralle que non se pode falar de conxelar soldos para os e as traballadoras mentres a dirección “ingresa soldos millonarios”. Desde a CUT consideran que Bueno está a apontar cara a unha “nova conxelación salarial como a de 2014”.

A sección sindical da CIG na factoría incide en que o grupo aumentou en 40% os seus beneficios netos, así como que os responsábeis do mesmo ingresan “soldos millonarios” e que hai reparto de “cuantiosos dividendos” entre os seus principais accionistas. Con este escenario, apontan, non ten moito sentido falar de que hai que apertar o cinto aos traballadores e traballadoras.

Lembran, aliás, que Carlos Tavares, presidente, ingresou 6,7 millóns de euros en 2018, mentres que Bueno percibe arredor de 200.000 euros anuais. “O soldo de Tavares foi fortemente contestado polos sindicatos franceses e polo propio Goberno galo, tendo en conta que o Estado francés é accionista da compañía”.

Para a CIG-Citroën as manifestacións de Ignacio Bueno son “unha falta de respecto a un cadro de persoal que padece unhas condicións laborais de precariedade (baixos salarios, postos de traballo irrealizábeis, ERE, sen cobrar os días de parada, ou mesmo producindo, como no caso da quenda de fin de semana, etc)”.

Desde a CUT retrucan a Bueno que o custo laboral non representa 50% da fabricación dun vehículo, como el sinalou, senón non máis de 11%, segundo análises e estudos de universidades e a propia patronal. Este sindicato enmarca estas declaracións do director de Citroën no intento de “condicionar” a negociación do novo convenio colectivo.

A respecto da necesidade dunha “contención salarial” para poder competir con factorías de Alxeria ou marrocos, a CUT pregúntalle se tamén os ingresos da dirección van situarse a niveis dos que hai neses estados.  

Comentarios