A CIG convoca paros laborais o 15 de outubro contra o xenocidio palestino
A CIG anunciou esta terza feira a convocatoria dunha xornada de paro xeral na Galiza para o vindeiro 15 de outubro. O obxectivo é denunciar o xenocidio contra o pobo palestino, reclamar o fin da ocupación ilegal e exixir a ruptura de todas as relacións diplomáticas, comerciais e militares con Israel.
A central sindical, que se reivindica como "primeira forza sindical galega", chama a paralizar a actividade durante catro horas por quenda: de 22 a 2 horas na noite do 14 ao 15; de 10 a 14 horas na quenda de mañá; e de 18 a 22 horas na de tarde. Ademais, anima a concentrarse diante dos centros de traballo e a participar nas mobilizacións convocadas nas vilas e cidades ás 19.30 horas.
A convocatoria insírese baixo o lema "Tamén no traballo paremos o xenocidio", co que a CIG pretende trasladar o rexeitamento da clase traballadora galega a unha situación que cualifica de "masacre" e de "destrución" do pobo palestino.
A central sindical chama tamén a participar este domingo, 5 de outubro, na manifestación nacional en Compostela convocada pola Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina, coincidindo cos dous anos do inicio do masacre de Gaza e os 77 anos de ocupación.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, reivindicou o labor sostido da central durante os últimos dous anos, con máis de mil cen concentracións en apoio a Palestina, e lamentou que outras organizacións cheguen "tarde" ou promovan respostas "unilaterais" sen coordinación co movemento solidario galego.
Entre as reivindicacións centrais da xornada do 15 figuran o cesamento do fogo e a retirada das tropas israelís, a apertura de corredores humanitarios, unha investigación internacional do xenocidio, a ruptura das relacións diplomáticas e comerciais con Israel e a aplicación efectiva do dereito de autodeterminación e retorno para o pobo palestino.
A central sindical nacionalista subliña que non se trata só dun acto simbólico senón dunha xornada de loita que debe amosar unha resposta social contundente: "Tamén no traballo temos que parar o xenocidio", insisten.