Qatar afirma que Hamás trasladou que "estudará de forma responsábel" a proposta de Trump para alcanzar a paz en Gaza

A Autoridade Palestina saúda os esforzos "sinceros e decididos" do presidente dos EUA pola paz.

Mohamed bin Abdulrahman al Thani, primeiro ministro de Catar, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
Mohamed bin Abdulrahman al Thani, primeiro ministro de Qatar, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

O Goberno de Qatar, un dos mediadores para un acordo de alto o fogo na Faixa de Gaza, afirmou este martes que Hamás trasladou que "estudará de forma responsábel" a proposta do presidente dos EUA, Donald Trump, para unha fin do conflito, se ben matizou que "é demasiado cedo" para contar cunha resposta por parte do grupo.

O portavoz do Ministerio de Exteriores catarí, Mayed al Ansari, indicou en rolda de prensa que a proposta foi trasladada á delegación de Hamás por Doha e O Cairo, antes de resaltar que había previstos encontros esta mesma terza feira para estudar o plan, nunha xuntanza á que se agarda se sume Turquía.

"É demasiado cedo para facer especulacións sobre o resultado", sinalou Al Ansari, quen dixo que Qatar é "optimista" debido a que o plan proposto é "exhaustivo", ao tempo que aplaudiu o "compromiso" dos EUA para pór fin ao conflito. "O obxectivo é por fin á guerra e á fame en Gaza", subliñou.

"Desde o primeiro día estivemos comprometidos con traballar, para pór fin á guerra, entregar axuda e reducir as tensións", argumentou, antes de sinalar que "Qatar non dubidou desde o inicio á hora d elevar a cabo esforzos para pór fin á guerra en Gaza e apoiar o seu pobo". "O noso compromiso é firme á hora de dar todo tipo de apoio para deter a guerra en Gaza e reconstruíla", destacou.

Neste sentido, esgrimiu que "o primeiro paso para un plan que poña fin á guerra en Gaza é un consenso entre todas as partes", no medio da intensificación da ofensiva israelí contra o enclave, incluídas operacións militares a grande escala para intentar facerse co control da cidade de Gaza, no norte da Faixa.

A proposta de Trump foi apoiada xa polo primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, quen matizou horas despois que non apoiará a creación dun Estado palestino e que as tropas israelís permanecerán despregadas "na maioría" de Gaza, sen que Hamás respondera oficialmente ao plan.

A Autoridade Palestina saúda os esforzos "sinceros e decididos" de Trump

No que respecta a este plan proposto por Donald Trump, que inclúe a creación dun Goberno interino supervisado polo propio presidente estadounidense, a Autoridade Palestina expresou esta segunda feira a súa satisfacción polos seus esforzos "sinceros e decididos".

"O Estado de Palestina acolle con satisfacción os sinceros e decididos esforzos d o presidente Donald J. Trump para pór fin á guerra en Gaza e afirma a súa confianza na súa capacidade para encontrar un camiño cara a paz", publicou a Autoridade Palestina nun comunicado recollido pola axencia de noticias WAFA.

O texto destaca a "importancia" da implicación dos EUA para "lograr a paz na rexión" mediante un acordo "que garanta a entrega de suficiente axuda humanitaria a Gaza, facilite a liberación dos reféns e prisioneiros e a instauración de mecanismos para protexer o pobo palestino, garantir que se respecta o alto o fogo e seguridade para ambas as partes".

Tamén pide "evitar a anexión de territorios, para o desprazamento de palestinos e accións unilaterais contrarias ao Dereito Internacional". Menciona igualmente a liberación dos fondos retidos por Israel e unha "retirada israelí total".

O obxectivo final é "a unificación dos territorios palestinos e as súas institucións na Faixa de Gaza e Cisxordania, incluído Xerusalén do Leste e o fin da ocupación" e unha paz baseada nun estado palestino que conviva con Estado de Israel con seguridade e paz.

A Autoridade Palestina avoga así por un Estado palestino "moderno, democrático e desmilitarizado", con pluralismo e transicións pacíficas do poder. O comunicado menciona ademais varias reformas en marcha para mellorar o funcionamento das súas institucións, moitas delas requiridas pola comunidade internacional.

A UE acepta o plan do presidente estadounidense

Pola súa parte, a Unión Europea (UE) acolleu positivamente o plan presentado polo presidente dos EUA sobre o futuro da Faixa de Gaza, subliñando que representa unha "oportunidade" para a "paz duradeira" e mostrándose preparada para contribuír á iniciativa.

"O plan do presidente Trump para Gaza é unha oportunidade para lograr unha paz duradeira. Ofrece a mellor oportunidade inmediata para pór fin á guerra", valorou a Alta Representante da UE para Política Exterior, Kaja Kallas, nunha mensaxe en redes sociais na que omite calquera referencia á solución dos dous Estados.

A xefa da diplomacia europea recalcou que Israel xa se comprometeu con esta iniciativa, polo que agora Hamás "debe aceptalo sen demora" e dar o primeiro paso coa liberación dos reféns.

O plan

Trump presentou esta segunda feira un plan que prevé un alto o fogo e a liberación de reféns israelís nun prazo de 72 horas e inclúe a formación dun órgano de Goberno provisional denominado "Xunta da Paz" a presidir por el mesmo. Ademais, unha "Forza Internacional de Estabilización" controlaría o enclave palestino e encargaríase do desarme de Hamás.

A cambio, segundo recolle a proposta presentada após unha xuntanza de Trump con Netanyahu, unha vez sexan liberados todos os reféns, Israel liberará 250 presos palestinos condenados a cadea perpetua e 1.700 gazatís detidos após o ataque do 7 de outubro de 2023, "incluídas todas as mulleres e crianzas detidas nese contexto".

Tras aceptar o acordo, retomaríase a entrada de axuda humanitaria na Faixa de Gaza —bloqueada por Israel— conforme aos termos do acordo do 19 de xaneiro e sería xestionada pola ONU e as súas axencias, a Cruz Vermella e "outras organizacións internacionais non vinculadas en forma algunha con ningunha das partes".

Comentarios