Centos de mulleres claman contra o machismo: a CIG interpela os homes para que non consintan a violencia contra as mulleres
Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia Machista, varias centrais sindicais realizaron mobilizacións na Galiza en repulsa ás agresións machistas, unha lacra que segue sendo moi real e que tamén se dá nos lugares de traballo. A CIG abordou nun encontro nacional en Pontevedra a identificación e a actuación contra os actos machistas no ámbito laboral.
Varias centrais sindicais realizaron esta segunda feira mobilizacións con motivo do 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia Machista, antes das distintas manifestacións convocadas polo movemento feminista que decorreron pola tarde.
En concreto, a Secretaría das Mulleres da CIG desenvolveu unha manifestación en Pontevedra, que partiu da biblioteca pública Antonio Odriozola e finalizou na Praza da Peregrina, onde se leu un comunicado.
Previamente, delegadas da central sindical de toda Galiza participaron na biblioteca nun Encontro Nacional de Mulleres da CIG, no cal se incluíu unha charla sobre identificación e actuación ante as violencias no traballo. Neste sentido, a central sindical nacionalista lamentou a falta de datos oficiais actualizados sobre as violencias que se producen no ámbito laboral.
Segundo sinalaron desde o sindicato, a última macroenquisa na que se aborda esta cuestión en toda a Unión Europea (UE) é do ano 2019 e entón xa confirmaba que 17% das agresións sexuais suceden no ámbito do traballo e que case a metade das mulleres maiores de 16 anos declaran que nalgún momento da súa vida se sentiron acosadas.
300 mulleres participaron
Arredor de 300 mulleres da CIG participaron esta segunda feira en Pontevedra no Encontro Nacional organizado pola Secretaría das Mulleres no marco da campaña do 25-N. Nesta xuntanza, abordouse o contido da campaña que a central sindical desenvolveu este ano con motivo baixo o lema 'Óllate no espello. Rompe co machismo', que pon o foco nos agresores e que interpela os homes para que rexeiten as agresións dos seus compañeiros.
Esta campaña demanda dos homes que non comungan con este tipo de condutas que teñan maior implicación,para non consentir que nos círculos de relación entre iguais, nos círculos de relación entre homes, se consinta ou non se sinalen as agresións machistas como un "acto repugnante" que hai que erradicar. "É necesario construír novas masculinidades" que rompan coa "masculinidade hexemónica tradicional", posto que "sen facer este cambio vai ser inevitábel que sigan aumentando as agresións contra as mulleres", segundo demandou a CIG.
Ademais, desde o Gabinete Técnico Confederal do sindicato ofreceuse unha palestra sobre identificación e actuación ante as violencias no traballo e abordáronse casos concretos de acoso e violencia contra as mulleres en sectores como a industria, a banca, o ensino ou a sanidade.
Lonxe de erradicarse, destacou o central sindical, cada vez se interpoñen máis denuncias por violencia machista e aumenta o número de casos tanto de feminicidios como de agresións sexuais. Isto tendo en conta que "a maior parte das agresións sexuais fican, por desgraza, sen denunciar", acrecentou a CIG.
Ao remate do encontro tivo lugar unha manifestación até a Praza da Peregrina, onde a secretaria confederal das Mulleres da central sindical, Nicolasa Castro, apelou á necesidade de que tanto as Administracións como as empresas se impliquen na loita pola eliminación de toda violencia contra as mulleres.
"Xa que as desigualdades son a principal causa da violencia que padecemos desde que nacemos por sermos mulleres e que logo se perpetúa ao longo de toda a nosa vida", explicou a sindicalista sobre esta reivindicación.
Castro tamén destacou outras desigualdades que padecen as mulleres tanto a nivel económico como laboral. "Cobrar menos por facer un traballo de igual valor, ter que abandonar a nosa carreira profesional para dedicarnos aos coidados ou ser máis pobres na vellez logo dunha vida de traballo porque percibimos pensións máis baixas", relatou.
Violencia nas empresas
Ao mesmo tempo, quixo deixar claro que o combate contra a violencia nas empresas é unha cuestión de saúde laboral e denunciou que moitas delas carecen hoxe en día de protocolos contra o acoso, algo que é "ilegal", e que a maioría das que os teñen non os aplican. Por iso, incidiu na importancia do traballo sindical "para lograr que afloren estas violencias e impedir que os agresores queden impunes".
Porque, como se recolle na propia campaña da CIG neste 25-N, controlar é violencia, humillar é violencia, insultar é violencia, ridiculizar é violencia, illar é violencia, someter é violencia, menosprezar é violencia, presionar é violencia, chantaxear é violencia, vixiar é violencia, tocar o corpo sen consentimento é violencia, enviar ou solicitar imaxes ou vídeos de contido sexual é violencia e acosar é violencia.
Crítica ás Administracións
A secretaria xeral da Mulleres da CIG amosouse especialmente crítica co papel que están a xogar as Administracións na loita contra a violencia machista. "Están a relaxar as políticas de xénero; a Xunta, por exemplo, liquidou a Secretaría de Igualdade de Xénero, dividíndoa en dúas Direccións Xerais: a de violencia de xénero e a de igualdade de xénero". Neste sentido, a sindicalista cualificou esta medida como un "erro tremendo", porque "a violencia procede da desigualdade, e non se pode combater a violencia sen políticas de igualdade".
"A Xunta está a relaxar as políticas de xénero", afirma Nicolasa Castro
Finalmente, Castro fixo un chamamento a participar tamén nas mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres (MMM) da Galiza, da que o sindicato nacionalista forma parte, así como a sumarse, alí onde non haxa convocatoria da MMM, ás mobilizacións que convoque o movemento feminista galego.
CCOO e UXT súmanse "ao berro global do 25-N" contra as agresións machistas
Os sindicatos CCOO e UXT realizaron esta segunda feira unha concentración conxunta con motivo do 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia Machista, na Coruña. "Sumámonos ao berro global do 25-N para denunciar que as violencias machistas seguen a atravesar as vidas das mulleres e que isto supón unha gravísima vulneración dos seus dereitos humanos, contraria ás nosas democracias", sinalou a representación destas organizacións.
"Os centros de traballo non son espazos alleos ás violencias machistas e, en particular, ás situacións de acoso sexual. Sabemos que, ante a falta de apoio, moitas destas situacións terminan en baixas ou, incluso, coas mulleres abandonando os seus postos de traballo. É intolerábel. E comprometémonos a seguir poñendo todos os medios sindicais necesarios para atallalo", abondaron estas organizacións no transcurso da concentración polo 25-N.
"Non se pode minimizar o acoso", sinala Amelia Pérez
Previamente, CCOO organizou unha xornada en Compostela enfocada a dar claves para afrontar a violencia machista desde o ámbito laboral, o cal "non é alleo ás violencias machistas, en particular ás situacións de acoso". Para iso, o sindicato contou coa presenza da maxistrada María Paz Filgueira, que foi titular do xulgado da violencia contra a muller de Vigo, co ex inspector de policía local Ángel Ruibal, que é especialista no sistema Vioxén e formador na Academia Galega de Seguridade, así como coa secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez. "Non se pode minimizar o acoso. Non hai equidistancia nin tolerancia posíbel ante unha situación de acoso ou de violencia machista", destacou Pérez.

