CCOO quere "desmontar" as reformas laborais con ou sen a patronal

Unai Sordo, secretario xeral de CCOO, é partidario de que o Goberno español faga as mudanzas nas reformas laborais "antes do verán".
O secretario xeral de CCOO Unai Sordo en Vigo (Europa Press)
photo_camera O secretario xeral de CCOO Unai Sordo en Vigo (Europa Press)

O secretario xeral de CCOO, Unai Sordo, reiterou a pasada cuarta feira en Vigo aos medios de comunicación que "desmontar aspectos centrais da reforma laboral" debe conseguirse "bastante antes do verán". Apuntou  que "ninguén pode ter dereito a veto na negociación" e, se non é posíbel facer a derrogación co acordo da patronal "o Goberno  ten que executala igualmente".

Sordo asegurou que "estamos nun contexto de punto morto que se ten que resolver canto antes, levamos un mes negociando co Goberno e as organizacións empresariais a corrección en profundidade da reforma laboral". Explicou que a derrogación pola vía do diálogo social, nun espazo de negociación, fai que o proceso "vaia máis lento", aínda así, asegura, "unha cousa é que nos deixemos as pestanas na negociación, e outra cousa é que ninguén pode ter dereito a veto”. Por este motivo propón darse de prazo este mes de marzo para "definir se hai posibilidades de chegar a un acordo coa CEOE" en aspectos que se derroguen da reforma laboral e, en todo caso, insistiu en que o feito de “desmontala” debería ser "bastante antes do verán". O responsábel de CCOO afirma que “oxalá fora co acordo coa patronal, mais se non é así, emprazaremos ao Goberno a que o faga” e engade que “para iso ten esta decisión no seu programa”. Sordo lembrou que a reforma laboral tamén a fixo un goberno do PP, cun decreto e sen negociar con ninguén".

Políticas fiscais e vivenda

Sordo reiterou a necesidade de "mellorar a protección" das prestacións por desemprego e impulsar unha renda mínima garantida. Insistiu na urxencia de reducir o diferencial de corresponsabilidade fiscal coa Unión Europea e reclamou unha "política seria” en relación a prezos de propiedade e  de alugueres.

Comentarios