CCOO denuncia que a Xunta "negue" protección ao persoal de residencias integradas ao regreso ao seu domicilio

Residencia de maiores Porta do Camiño, en Compostela (Xunta).

Comisións Obreiras denuncia que a Xunta "negue material de protección esencial" ao persoal traballador das residencias integradas de Baños de Molgas e Porta do Camiño (Santiago) á hora de regresar aos seus domicilios despois de traballar "coas residentes" que sofren COVID-19.

O sindicato tachou de "irresponsábel e temeraria" a "decisión" da Consellería de Política Social ao non fornecer este material nin "realizarlles as probas PCR" para detectar a enfermidade vírica unha vez finaliza a súa quenda semanal, segundo aseguraron nun comunicado.

Neste sentido, CC.OO explicou que os empregados traballan durante sete días seguidos "en quendas de doce horas" nos que "están confinados" cos pacientes e que despois "manteñen unha corentena de catorce días consecutivos nos seus domicilios antes de iniciar unha nova quenda".

A este sindicato cónstalle que "o persoal que acabou a súa última quenda regresou á súa casa sen as mínimas medidas de seguridade, sen realizarlles test, sen máscara nin outro material que permita garantir a súa propia protección nin a da súa familia", a pesar de que "poden ser potenciais portadores do virus".