Cando cobrará o funcionariado galego a suba salarial correspondente a 2025?
O Ministerio de Función Pública informou o mércores de que as traballadoras e traballadores funcionarios dependentes da Administración Xeral do Estado cobrarán en decembro o 2,5% correspondente á suba de 2025, mais só os que dependen do Estado e non os que dependen da Xunta da Galiza.
O Ministerio de Función Pública comprometeuse a pagar a suba salarial, cos seus atrasos, correspondente a 2025 en decembro, mais ese pagamento só se efectuará ao persoal funcionario que dependa do Estado.
Desta maneira, quedan fóra todas as funcionarias e funcionarios que dependen da Xunta da Galiza. Fontes do Goberno galego apuntan que o funcionariado dependente da administración autonómica e da local recibirá o pagamento correspondente á actualización salarial en xaneiro de 2026.
O real decreto convalidado no Congreso español -co único voto en contra de Vox- fixou unha suba do 2,5% para 2025, aplicábel con efecto retroactivo desde o 1 de xaneiro, e un incremento do 1,5% para 2026, que se sumará sobre o salario actualizado. Esta retribución poderá incrementarse medio punto adicional en 2026 se o IPC de 2026 alcanza ou supera o 1,5%. De darse este caso, a cantidade abonaríase no primeiro trimestre de 2027.
A suba salarial é froito do acordo entre o Goberno español cos sindicatos UXT, CSIF e, posteriormente, CCOO. Os sindicatos das nacións sen Estado como a CIG (sindicato maioritario na Galiza) ou ELA e LAB (Euskal Herria) ficaron fóra da negociación. Un extremo que foi criticado no Congreso polos representantes de BNG e EH Bildu.
Negociacións para a xornada de 35 horas
Por outra parte, o Ministerio de Función Pública comprometeuse este mércores a comezar en xaneiro a negociación sobre a implantación da xornada de 35 horas semanais na Administración Xeral do Estado. Unha xornada da que non se beneficiará o funcionariado dependente da Xunta da Galiza.