Xuventude en prácticas, a base precaria do sistema laboral

As bolsas de prácticas en formación son unha vía cada vez máis común de acceso ao mercado laboral para a mocidade. Implican unha ausencia de relación laboral e a incompatibilidade de percibir ingresos a maiores dos 500 ou 600 euros mensuais das axudas. Mozos e mozas entrevistados por este medio advirten das empresas que as empregan para cubrir postos estruturais. Tamén das dificultades para denuncialas ante o medo a engrosar as listas do paro.
Estudante (Imaxe: Santi Alvite, USC).
photo_camera Estudante (Imaxe: Santi Alvite, USC).

A   bolsa ou o paro. É a disxuntiva que se presenta ante as galegas e os galegos que rematan os seus estudos superiores, for en Formación Profesional for nunha universidade. Xa antes da pandemia e dos seus efectos sobre a economía a taxa de desemprego entre a mocidade situábase en 32,5% segundo Eurostat. Para quen se inicia no mercado laboral sen apenas experiencia as bolsas formativas son unha porta de entrada cada vez máis frecuente.

A María Baamonde faloulle das bolsas da Fundación Empresa-Universidade Galega, Feuga, o seu orientador laboral. En 2010 finalizou os seus estudos de Belas Artes en Pontevedra e ante as escasas perspectivas decidiuse por esta opción. "Case un ano despois de graduarme comecei nunha empresa subcontratada por unha compañía importante do sector turístico", explica a Nós Diario.

No seu portal, a fundación preséntase como promotora “da inserción laboral de estudantes e titulados universitarios, así como titulados de Formación Profesional”. Na Galiza existen outras dúas similares, puntos de encontro entre o tecido empresarial e os centros de formación superior, a Fundación Universidade da Coruña (Fuac) e a Fundación Universidade de Vigo (Fuvi).

De prácticas en prácticas

As cifras da inserción serven de espello do actual mercado laboral. En 2019, foron beneficiarios dunha bolsa Feuga 1.136 titulados e tituladas universitarias. Do total, 66% atopou emprego e 77% na mesma compañía. De cada dez persoas, só unha o fixo cun contrato indefinido, mentres que entre catro ou cinco asinaron un contrato en prácticas, a pesar de ter pasado xa por un período formativo. Os restantes foron eventuais, temporais ou por obra e servizo. As proporcións son similares nos titulados en FP e nos anos 2018 e 2017, repetíndose na Fuac de 2017.

Este foi o caso de Miguel Duarte, graduado en Deseño de Produto, e de Pablo Negreira, en Enxeñaría Forestal. Ambos os dous foron beneficiarios dunha bolsa Feuga. Están contentos coa experiencia, se ben admiten que as súas tarefas apenas diferían entre o primeiro e o segundo paso. Negreira foi beneficiario con 28 anos (unha cuarta parte dos titulados beneficiarios teñen máis de 26 anos).

"Tiña claro que quería escoller a empresa de maior envergadura pola probabilidade de quedar", apunta. Conseguiuno xunto a 24 persoas máis. Ao rematar entrou no cadro de persoal e como contratado en prácticas tivo bolseiros ao seu cargo

Encadear bolsas

As condicións das bolsas son bastante similares entre as fundacións. Non existe relación laboral entre o bolseiro e a empresa e as bolsas son incompatíbeis cun contrato de traballo.  As e os beneficiarios reciben unha axuda de arredor de 600 euros na xornada completa da Feuga e de 500 na da Fuac, sen poderen percibir ingresos extra. "Están dados de alta na Seguridade Social, asimilados a contratos en prácticas aos únicos efectos da cotización", explica Feuga.

Unha persoa pode ser beneficiaria de máis dunha bolsa na mesma empresa, sempre que non exceda un período máximo de formación de 24 meses no caso de Feuga e de 18 no da Fuac. As fundacións ofrecen cunha modalidade para estudantes, cun monto de axudas menor, e outra para titulados que tamén se poden encadear. Olaia Tubío soubo en 2018 da existencia dunha terceira opción.

Analizaron as posibilidades de que entrase cunha bolsa para cubrir unha baixa laboral, di Olaia Tubío

"Estudei xornalismo e fixen prácticas na TVG, primeiro curriculares coa universidade e logo a través de Feuga", di. Ao rematar, mudouse para estudar un mestrado. Chegoulle o anuncio dun xornal que procuraba un redactor. "Chamei e de seguida conseguín o posto, analizaron as posibilidades de que entrase cunha bolsa para cubrir unha baixa laboral e optaron pola que ofrece a Fundación Venancio Salcines", agrega.

Tubío cubriu baixas en distintas seccións, asumindo funcións de coordinadora, ficando soa nas fins de semana. "Cobraba pouco máis de 500 euros. Nin os meus xefes nin os meus compañeiros sabían da situación, crían que tiña un contrato. Cando o descubriron a miña carga non diminuíu. Despois dun ano dixen que non podía seguir así. Ofrecéronme renovar cobrando 700 euros. Negueime, aí rematou a miña vida de bolseira", resume.

Na Galiza, a taxa de temporalidade laboral sitúase en 58% para o conxunto dos menores de 30 anos segundo a EPA. As bolsas gañan en atractivo, pois serven para evitar o paro ou os anos en branco no currículo mais tamén para ficar nun mesmo lugar cuns ingresos mensuais asegurados. E non só as fundacións as ofrecen, as Administracións públicas galegas contan coas súas propias convocatorias.

As condicións das  bolsas en institucións públicas son moito mellores, asegura Cristóbal

Cristóbal, nome ficticio, estudou filoloxía inglesa e filoloxía galega. En catro anos encadeou tres bolsas diferentes. A primeira realizouna a través de Feuga no departamento de Normalización Lingüística dun concello. A segunda, de investigación, decorreu no centro Ramón Piñeiro. A terceira, no Parlamento da Galiza. En ningún caso existiu relación laboral coas institucións. "As condicións nas institucións públicas son moito mellores", destaca el.

Jon Santos, graduado en Ciencias Políticas, concorda. Na actualidade é beneficiario da súa segunda bolsa na Fundación Galicia-Europa. "Entro ás 8 e saio ás 15 horas, recibo 1.060 euros ao mes e teño días de vacacións. A nivel de formación estou contento", valora.

Falta de supervisión

Nos últimos anos, tanto a Unión Europea como o Estado español puxeron o foco nas prácticas non remuneradas, co obxectivo de pór fin a esta práctica. En 2019 as universidades amosaron resistencia a dar de alta na Seguridade Social o alumnado que as realizaba. As persoas entrevistas por este medio, tanto as que valoran de forma positiva a súa experiencia como as que non, piden ir máis alá e que se supervisen tamén as remuneradas.

"Non é certo que estas fundacións fomenten a inserción no mercado laboral", asegura Santos. "Eu fíxenas só nunha oficina en Compostela, estando a sede da empresa no Porto. Fun autodidacta, non tiña a quen acudir e excedía a miña xornada de oito horas e no que a empresa me denegou días de descanso", relata.

Non é certo que estas fundacións fomenten a inserción no mercado laboral, asegura Jon Santos

Santos trasladou a Feuga a súa situación: "Dixeron que non había problema sempre que recibise indicacións por teléfono".  Adrián Pardo tamén tivo unha mala experiencia coa bolsa, mais non advertiu a entidade. "É que tampouco tiña moitas máis opcións. Neses intres calas e pensas 'sorte que estou a traballar'. Agora non pecarei do mesmo'", conta.

Neses intres calas e pensas 'sorte que estou a traballar', apunta Adrián Pardo

Pardo estudou Enxeñaría Eléctrica en Ferrol. "Cando estaba rematando tiven a posibilidade de realizar prácticas en Elecnor, no polígono de Pocomaco, a través dunha bolsa da propia universidade da Coruña. Traballaba cinco horas ao día e cobraba uns 350 euros. Aos oito meses ofrecéronme continuar ben cunha bolsa de titulado ben matriculándome nun mestrado e facer as prácticas alí", relata.

"Cando comecei non rendía ao 100%, pero aos dous meses facía tanto como calquera técnico. A compañía aproveitábase do recurso dos bolseiros e decidín marchar", continúa. A súa segunda experiencia foi cunha bolsa Feuga. "O único empregado na empresa era o meu xefe, ao mes eu realizaba inspeccións de instalacións sen supervisión, eu só", abunda. O seu xefe tivo problemas cunha axencia reguladora, pediu a Pardo que se o chamaban "mentise, que dixese que xa non traballaba con el". Daquela puxo fin á bolsa.

Realizaba inspeccións de instalacións sen supervisión, eu sí, relata Adrián Pardo

A esperanza dun contrato dificulta tramitar unha queixa. Iria, nome ficticio, foi bolseira a través da Fundación Pública Artesanía da Galiza, da Xunta. "Era unha bolsa de aprendiz, mais estiven todo un ano sen coller unha ferramenta. Ao xefe interesábanlle os meus coñecementos en deseño 3D. Non dixen nada porque de vez en cando falábame da posibilidade dun contrato. Cando rematei ofreceume traballar desde a casa cobrando 400 euros sen estar dada de alta", lamenta. 
 

Se queres seguir coa lectura non tes máis que procurar o Nós Diario de hoxe nos quiosques, librarías ou na nosa loxa online. Fai xa a túa subscrición para ter o xornal na casa!

Comentarios