Amelia Pérez Álvarez, reelixida secretaria xeral de CCOO na Galiza
No 13º Congreso Nacional de CCOO na Galiza aprobáronse resolucións en defensa do galego, da igualdade, os colectivos LGTBI e a automoción e en contra do acoso e do proxecto de Altri en Palas de Rei, entre outras.
O 13º Congreso Nacional de CCOO na Galiza reelixiu Amelia Pérez Álvarez como secretaria xeral para os vindeiros catro anos. Canda ela, formarán parte da Comisión Executiva as seguintes persoas: Antonio Millares Jorge, Maica Bouza Seoane, Armando Iglesias Rodríguez, María José García Barcia, Xesús Castro Baamonde, Leila Piñeiro Otero, Carlos Pérez Fernández, Yolanda Martínez Quintián e Óscar Cebeiro González.
Durante dous días —15 e 16 de maio—, 150 delegados e delegadas fixeron balance do traballo do último mandato e decidiron as liñas de actuación para os vindeiros anos. Ademais, elixiron a nova dirección, para a cal unicamente se presentou a lista encabezada por Amelia Pérez.
Resolucións
A este Congreso chegaron 26 propostas de resolución que, tras un proceso de unificación, quedaron en oito. Trataron cuestións como o acoso, o rexeitamento á fábrica de Altri, a defensa do sector da automoción, a importancia da loita sindical —vinculada á memoria histórica das CCOO—, a aposta sindical polo galego, o impulso á igualdade e o apoio aos colectivos LGTBI.
Todas as propostas foron aprobadas, como tamén o foi unha resolución xeral que abrangueu distintas cuestións, entre outras a defensa de varios servizos públicos —como a atención á dependencia, a sanidade ou a Corporación de Radio e Televisión da Galiza—, o combate á sinistralidade laboral ou o compromiso do sindicato pola paz.
Como é costume ao rematar o máximo órgano de representación de CCOO, as resolucións aprobadas no 13º Congreso Nacional na Galiza serán publicadas proximamente no Portal de Transparencia do sindicato.