CCOO recoñece a "valentía e loita" de Ánxela Loureiro, Pilar Tellado e Ana Pardo de Vera nos Premios 10 de marzo
O sindicato CCOO fixo entrega este sábado, coincidindo co Día Internacional da Muller, os Premios 10 de marzo cos que recoñece a "valentía, fortaleza e loita" de Ana Pardo de Vera, Ánxela Loureiro e Pilar Tellado. O acto, decorrido en Santiago, estivo conducido pola xornalista Aida Pena Meis, quen apuntou que os galardóns buscan homenaxear as persoas que "loitan polas liberdades" e que destacan polo seu compromiso na "defensa da democracia".
Ánxela Loureiro, emocionada, lembrou os "fatídicos feitos" das loitas obreiras de 1972, onde perderon a vida abatidos a tiros pola policía franquista os traballadores da antiga Bazán en Ferrol. "Moitos dos homes e mulleres que a partir daquela foron duramente reprimidos xa recolleron esta homenaxe con todo o seu recoñecemento pola súa contribución na caída da ditadura. Un deles, o meu pai. Loitador incansábel e fundador na clandestinidade deste sindicado", sinalou profundamente emocionada.
"O machismo repunta", lamentou, e "hai que poñerlle freo", a igualdade hai que "tecela" todos os días. "Tecela con fíos para resistir ás agresións que nos chegan por todas partes. Con agullas finas para que non queden ocos por onde se coen os micromachismos", incidiu Ánxela Loureiro.
Pola súa parte, Pilar Tellado subliñou que o premio "reafirma a súa convicción" de que xuntos pódense "alcanzar avances significativos" en beneficio dos traballadores do Estado español. Así mesmo, fixo un chamamento á xente moza para que "se mova, esperte" porque "os dereitos non se regalan, conquístanse e deféndense".
Finalmente, Ana Pardo de Vera reivindicou o xornalismo, a súa profesión, "se non é feminista, non é xornalismo". "Porque non se pode ignorar 51% da poboación", asegurou. A continuación, remarcou que "se necesita moita educación" en perspectiva de xénero en "todos os ámbitos". "Reivindico a loita sindical, o feminismo e o xornalismo", remarcou.
Xornalismo fronte ás mentiras
O secretario xeral confederal, Unai Sordo, incidiu en que as biografías das tres galardoadas son "absolutamente admirábeis" e puntualizou sobre a importancia que ten o xornalismo actualmente.
En referencia á conversa pública apuntou que, na súa opinión, estamos ante o maior risco reaccionario no que se configuran sociedades "con variábeis que eran descoñecidas na historia recente da humanidade", esgrimiu. "Claro que existían mentiras, fake news e censura", continuou, pero agora ocorre que "fronte á discrepancia" actualmente "estamos ante o risco" de que se cuestione o propio concepto de realidade.
O concepto de realidade empeza a ser cuestionado por unha utilización da "información cunha capacidade de segmentación" da realidade que se percibe, dixo, como que "non existiu nunca". Neste punto, incidiu na importancia do xornalismo para "discernir sobre o que é e o que non é".
A encargada de fechar a cita foi a secretaria xeral CCOO na Galiza, Amelia Pérez, quen cualificou o 8 de marzo como unha data "moi significativa e en maiúsculas", ademais de felicitar as tres galardoadas.
Manifesto conxunto
Os sindicatos CCOO e UXT fixeron público un manifesto conxunto con motivo do 8-M, baixo o título "Igualdade real, compromiso sindical", no que reafirman o seu compromiso coa igualdade no ámbito laboral, como "obxectivo prioritario e irrenunciábel".
Así mesmo, aínda que valoran "moi positivamente" os "avances lexislativos dos últimos anos", advirten de que os datos sobre a situación laboral das mulleres "seguen sendo moi preocupantes" e "as fendas no mundo do traballo entre mulleres e homes seguen sen avances significativos na súa eliminación".
No manifesto fan referencia á maior taxa de desemprego feminino, á parcialidade e temporalidade, ou á diferenza de retribucións, ademais do "desequilibrio" na asunción dos coidados familiares e dos labores domésticos. Tamén alertan contras as "dramáticas cifras" da violencia machista e reivindican avances con respecto á educación en igualdade e unha xusta valoración social e económica dos sectores laborais feminizados.
