Alberto Dopico: “As orquestras xa comezamos a pandemia na UCI”

Alberto Dopico recoñece que tanto pequenas formacións como grandes bandas están en dificultades. (Foto: Asevega)

O presidente da Asociación de Empresarios da Verbena da Galiza (Asevega) afirma que as orquestras xa comezaron a pandemia nunha mala situación, pois levaban meses sen facturar. Coa contratación reducida ao mínimo, advirte de que o próximo verán sairá á luz a afección real da Covid-19 neste sector.

Alberto Dopico, representante do sector da orquestra a través da Asociación de Empresarios da Verbena da Galiza (Asevega) reflexiona sobre a realidade que está a vivir este ámbito laboral nestes momentos. Entre outras cuestións, detecta unha falta de apoio das administracións públicas. Así o conta a Nós Diario.

-Despois dun ano e medio case parado, como definiría ou explicaría a situación actual do sector da verbena?

É principios de mes e a maioría das empresas do sector vimos de facer os pagos pertinentes e a xente pode imaxinar. Non falamos dun ano e medio: a inmensa maioría levamos sen traballar desde que acabou a tempada de 2019. Ademais, a pandemia comezou no peor momento posíbel para o noso traballo porque acabamos a tempada de recadación, de ingresar, en outubro.

-Entón sería case dous anos... Manteñen o tipo?

A inmensa maioría do sector está formado por pequenas empresas e autónomos. Que a xente non se confunda. As orquestras galegas somos as mellores do mundo, temos unha industria na Galiza que non hai noutro sitio do mundo, pero o 95% das empresas son pequenas. No inverno cada unha xestiona como pode, por exemplo con pólizas de crédito, para manter as traballadoras e traballadores que seguen en alta, pero tamén para facer as reformas que hai que facer no escenario, de luz, de son, preparando a tempada do ano seguinte...

No mes de marzo, cando comezou a pandemia, non só levábamos uns meses sen ingresar senón que estabamos endebedados porque sempre facemos así. É a partir de marzo ou abril cando comezas a traballar e funciona o ciclo. Xa comezamos a pandemia na UCI.

Que fixemos? Endebedarnos máis pedindo máis préstamos, na maioría persoais, para cumprir coas nosas obrigas financeiras e chegar a 2021, cando finalmente tampouco imos traballar. A situación é desesperante. Estamos a pór todo da nosa parte, fixemos espectáculos adaptados a todo tipo de restricións, prestámonos a facer as verbenas piloto...

-Mais, as poucas comisións de festas que estean operativas non están a contar con vostedes?

Están en mans dos seus concellos. Non van facer nada porque non poden recadar e non é posíbel acometer unhas festas patronais como ás que estamos acostumados. Á marxe diso, hai xente que si estaba intentando facer algo pero levamos meses dicindo que a chave está nos concellos. Que conten con nós porque somos empresas profesionais que facemos espectáculos adaptados a calquera tipo de restrición e de maneira totalmente segura. Temos a empatía da xente. Nas verbenas piloto puxéronse á venda 6.000 entradas e se esgotaron catro días antes das actuacións. Penso que a xente quere apoiar as orquestras galegas e para os concellos sería moi sinxelo incluír nas súas axendas culturais unha ou dúas actuacións.

-Considera que o problema é que os gobernos locais teñen medo de que se orixine algún foco de coronavirus nas festas?

O ano pasado foi así e era entendíbel porque viviamos unha situación descoñecida pero agora a sociedade ten moi interiorizado o que ten que facer. Agora mesmo ao ar libre, un espectáculo coa xente sentada e todas as distancias de seguridade é o máis seguro que pode haber dentro de todas as accións que se fan pola noite. Non sei que razóns pode haber para que non haxa unha aposta decidida nos concellos para salvar isto, salvo honrosas excepcións.

-Porén, si se están a programar outras actividades como festivais. Considera que están a gañar terreo?

É innegábel pero non nos dan unha explicación. Nós estamos en disposición de facer actuacións para restricións moito máis severas das que hai agora. Por que non se conta con nós? Non sei. Por exemplo, houbo un par de publicacións despois das verbenas piloto achacando o aumento de positivos en alcoholemia a estas festas e foi cunha intención indebida e mal intencionada porque as verbenas era de 21 a 23 horas, non se podía beber nin comer, todo o mundo estaba identificado co DNI... Asociar iso ás verbenas é dunha mala fe manifesta.

-Antes falabamos da crise das formacións musicais, mais as débedas permitiron a todas sobrevivir?

As empresas que están en pé están sobreendebedadas e avaladas co patrimonio persoal de cada autónomo. Tamén hai unha porcentaxe moi grande que xa non existe; as empresas que realmente seguen vanse saber o ano que vén, cando comecen a traballar. Hai que di “imos intentalo” pero tamén nos consta que outras xa venderon o material que tiñan porque debían cartos aos bancos e a situación era inasumíbel”.

“Confío plenamente en que non se perdan moitas festas porque o feito de que imos pasar unha crise grande é indubidábel”

-Teñen unha estimación dos negocios que quedan?

Pode haber unhas 15 ou 20 formacións, e 20 xa case me parece optimista de máis, en disposición de poder traballar inmediatamente. Hai que ter en conta que temos outro problema moi grande que é poder contar coas artistas. Para iso hai que ofrecerlles contratos como deus manda porque cada unha e cada un está a traballar noutra cousa e non van deixar certa estabilidade para aventurarse a ver se facemos catro ou cinco actuacións. Estamos nos últimos días de poder facer un chamamento para ver se isto se revitaliza un pouco e aparecen contratacións. Hai moita xente que vive disto e se non hai contratos a situación será moi dramática.

-Pódese entender que ao non haber circuíto ou xiras, as grandes agrupacións están a baixar os cachés e, en consecuencia, reducindo aínda máis os concertos das pequenas?

Iso ten moito que analizar. As orquestras de máis infraestrutura tamén precisan unha inversión importante para pórse a funcionar, non poden dicir “arrancamos o camión e a tirar” porque iso costa moitos cartos e é máis sinxelo para unha máis pequena.

Ademais, son compañías que acostuman estar con plans de amortización e obrigas financeiras, co cal levan moito tempo asfixiándose. Facer fronte ás súas inversións e reducir o caché non é tan sinxelo porque teñen moita demanda e non se poden presentar ante o público de calquera maneira. Non é fácil para ninguén. A situación é descoñecida e vexo a saída difícil salvo que os concellos poñan o seu gran de area.

-A realidade é que, ao igual que as bandas, tamén a maioría das comisións de festas fican sen actividade. Dado que moita xente aproveitará para abandonar estes colectivos, prevé que cando se retomen con normalidade as actuacións terán desaparecido moitas verbenas e, en consecuencia, o volume de negocio do pasado?

Penso que non porque o que fai especial a verbena galega é precisamente que é algo incomparábel e, por iso, a alguén de fóra lle costa entender como funciona. É certo que hai persoas queimadas que agora aproveitan para deixar as comisións pero houbo crises moi grandes e sempre digo que as romarías galegas non se deixaron de facer nin na Guerra Civil, de maneira máis grande ou máis pequena... Que deixen de existir é máis difícil. É lóxico que cando pasamos unha época de crise os orzamentos para contratar se reduzan pero confío plenamente en que non se perdan moitas festas. Que imos pasar unha crise grande é indubidábel.