70% do persoal do siderometal ourensán secunda a folga

Os paros no sector continuarán na cuarta e quinta feiras.
Mobilización do persoal do siderometal, este 28 de outubro, en Ourense. (Foto: Nós Diario)
Mobilización do persoal do siderometal, este 28 de outubro, en Ourense. (Foto: Nós Diario)

Perto de 70% dos traballadores e das traballadoras do sector do siderometal da provincia de Ourense secundaron a primeira xornada de folga, convocada por CIG e UXT para a terza, cuarta e quinta feiras. Segundo trasladaron desde as centrais sindicais a Nós Diario, os piquetes comezaron a actuar na quenda de noite da segunda feira e ao longo do día. A protesta tivo tamén unha manifestación dos traballadores en folga polas rúas do centro de Ourense –centos de persoas, segundo os sindicatos convocantes– e unha asemblea do persoal, logo da cal acordaron seguir adiante coa convocatoria de folga.

Os sindicatos mantiveran na tarde da pasada segunda feira o último contacto coa representación da patronal do sector, que non chegou a un acordo cos traballadores ao non ofrecerlles “nin sequera unha cláusula de revisión salarial”, lamentaron. Os máis de 4.000 traballadores do sector do siderometal en Ourense reclaman un incremento dos salarios e a redución da xornada. A última oferta da patronal pasa por un convenio até o ano 2027 con subas salariais de 3,5% neste ano e de 3% para os dous vindeiros. Segundo explicaron os sindicatos convocantes, a oferta da patronal “está lonxe” de satisfacer as demandas do sector, polo que anunciaron que continuarán coa folga.

Desde as 22 horas da segunda feira os piquetes estiveron presentes nalgunhas das industrias do sector en Ourense, e volveron ás 5 horas da madrugada co cambio na quenda de noite. Esta terza feira ás 22 horas repetirase a presenza dos piquetes. Na primeira xornada foron arredor de 70 persoas nas quendas de noite a máis de 100 nas de mañá e tarde.

Segundo informaron CIG e UXT, foron moitas as empresas do sector en Ourense que optaron por fechar as súas portas, aínda que recoñecen que noutros casos “fixeron feches parciais e mudanzas horarias pola presenza dos piquetes”. Con todo, os sindicatos valoran “positivamente” a participación nesta primeira xornada.

O sector do metal é en todo o país un importante motor económico xa que, segundo os últimos datos da patronal, a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), representa 19% do PIB do país e aglutina 3.500 empresas e máis de 60.200 traballadores e traballadoras en toda Galiza.

Comentarios