31% das persoas traballadoras na Galiza teñen ingresos inferiores ao SMI actual

A CIG reclama un salario mínimo de 1.375 euros.
SÍO E CARRIL
Francisco González Sío e Paulo Carril, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)

A CIG instou esta segunda feira o Goberno español a subir o salario mínimo interprofesional (SMI) aos 1.375 euros mensuais para 2026. O sindicato, ademais, denunciou que o 31,4% dos traballadores e traballadoras na Galiza teñen ingresos inferiores ao SMI actual, situado nos 1.184 euros.

O secretario xeral, Paulo Carril, defendeu que a cantidade proposta "non absorba complementos salariais". É dicir, que as empresas non poidan compensar o aumento do salario base coa redución ou eliminación de suplementos de, por exemplo, formación educativa ou antigüidade. "É algo que se está vendo ultimamente e que nós levamos reivindicando desde 2020", recalcou Carril.

Na mesma liña, o secretario de Emprego da CIG, Francisco González Sío, denunciou que "unha persoa coa categoría máis baixa do salario poida cobrar o mesmo que outra con maior experiencia ou estudos".

Salientou Carril que os criterios que emprega a CIG para o cálculo do salario medio son os mesmos que utiliza Eurostat, coa diferenza de que o indicador europeo inclúe os datos fiscais das comunidades con facenda propia (Euskadi e Nafarroa).

O secretario xeral lembrou que o incumprimento reiterado do marcado pola Carta Social Europea (CSE) a respecto do SMI, levou a CIG a presentar unha reclamación colectiva ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais contra o Estado español que está pendente de resolverse. Criticou que ano tras ano o Goberno estatal incumpre a súa obriga de consulta ás centrais sindicais que teñen a condición de máis representativas, como a CIG. 

Durante o presente ano, o incumprimento da CSE significou "que cada persoa traballadora que debera verse beneficiada pola suba do SMI cobrou 136 euros menos ao mes”. Este deterioro, alertou, pode agravarse á vista das propostas formuladas polo Goberno español para 2026, segundo tribute ou non o importe: 1.221 euros/mes ou 1.240 euros/mes. “Isto suporía ir con dous anos de atraso con respecto á CSE”.

Comentarios