ERLANTZ IBARRONDO, AVOGADO DOS AFECCIONADOS DO DEPORTIVO

"As multas aos afeccionados do Deportivo rozan a prevaricación, pois a policía non viu os feitos"

Erlantz Ibarrondo (Madrid, 1977) é o avogado que representa os afeccionados deportivistas que estiveron nas inmediacións do estadio Vicente Calderón cando membros do Frente Atlético asasinaron a Javier Romero Taboada (Jimmy). No último mes, estas persoas recibiron sancións de 60.001 euros polas que o BNG vén de reclamar explicacións no Congreso.

erlantz
photo_camera erlantz

Cantos afeccionados do Deportivo defende en relación aos feitos do Manzanares?

Ao redor de 70 persoas, contando tamén as 54 que veñen de recibir sancións administrativas cuxas resolucións se están a ditar.

Ten elementos de convición que lle fagan pensar nunha quedada ou máis ben foi unha emboscada planificada contra a afección do Deportivo?

Quedada non foi seguro. De feito, dentro do procedemento xudicial, no que xa levamos 17 tomos estudados, non hai ningún documento que diga que houbo quedada. A propia policía así o di. Non sei como definir o que alí aconteceu: houbo persoas gravemente feridas e un asasinato.

A estigmatización que sufriu Jimmy só lles pasa ás vítimas da violencia fascista

Porén, os grandes medios de comunicación trataron de darlle a volta ao que alí aconteceu…

Houbo quen falou antes de tempo e sen coñecemento de causa. Pasado o tempo demostrouse que a información era incerta. Tense falado de que había afeccionados dos Bukaneros do Rayo Vallecano metidos no ataque cando a propia Cifuentes (ex delegada do Goberno en Madrid) recoñeceu que non estaban. Tamén se evidenciou, como comentaba antes, que non houbo quedada.

Como valora o papel dos medios?

O peor dos medios foi a estigmatización da vítima (Jimmy). A estigmatización que sufriu Jimmy non se fai con calquera outra vítima dun proceso violento. Un día despois do asasinato, cando non se coñecían as causas, medios de comunicación publicaron a vida privada do asasinado, mesmo os seus antecedentes. Para min, foi unha das cuestións máis desagradábeis e, curiosamente, isto só lles pasa ás vítimas da violencia fascista.

A actitude do club cos afeccionados exemplar non foi, pois seguiu a corrente mediática e enrareceu o ambiente

Pódese dicir que houbo certo xuízo paralelo…

Houbo quen provocou que houbera un xuízo paralelo desde o principio, o que provocou certas actitudes, como a do club. A actitude do club cos afeccionados exemplar non foi. Pasase o que pasase e cando aínda non se tiña coñecemento dos feitos, o club debía apoiar os afeccionados e debía transmitirlle as condolencias á familia de Jimmy, pero preferiu seguir a corrente mediática e enrareceu o ambiente.

Que opina das filtracións aos medios de comunicación?

Do máis desagradábel que pode pasar. Nin a familia tivera acceso á autopsia nin os avogados tiveramos acceso ao atestado policial cando saíron publicados en determinados medios. El Mundo chegou a publicar unha imaxe da autopsia de Jimmy. Con outro tipo de vítimas estas prácticas non terían lugar. Chegamos a denunciar os feitos por delito de revelación de secretos pero o xuíz dixo que non era competencia de seu.

Como valora que o partido entre o Atlético de Madrid e o Deportivo daquel 30 de novembro non fose declarado de alto risco? A propia Subdelegación do Goberno na Coruña e o Sindicato Unificado de Policías chegaron a admitir que sabían do desprazamento de afeccionados a Madrid.

Non sei de quen é a neglixencia, pero un erro é evidente que houbo. Non hai que ser erudito no mundo do fútbol para saber que por moito menos se declaran os partidos de alto risco.

No atestado policial afírmase que os axentes chegan a posteriori e aínda así a propia policía permítese enxuizar e sancionar persoas por participar nuns feitos que non presenciou

Que criterios seguiu a policía para identificar e arrestar os afeccionados? Porque a policía recoñece que chegou ao lugar dos feitos con posterioridade…

É o máis sorprendente. É difícil de aceptar, non só desde o ámbito xurídico, senón tamén desde o persoal, a sanción a unha persoa cando a propia policía admite que chegou despois. No atestado policial afírmase que os axentes chegan a posteriori e aínda así a propia policía permítese enxuizar e sancionar persoas por participar nuns feitos que non presenciou. É terríbel. Veremos que determinación tomamos cando remate o procedemento tendo en conta que as persoas que represento son humildes.

Como valora as multas de 60.001 euros que lles están chegando aos afeccionados?

Carecen de sustento xurídico. A propia Administración tiña que telas arquivado. De feito, penso que rozan a prevaricación, pois a propia policía recoñece no atestado que chega despois. Sanciónase as persoas en base a elucubracións porque nos procedementos administrativos a policía ten presunción de veracidade. É máis, as persoas multadas foron identificadas a quilómetro e medio do lugar onde se produciron os feitos.

Hai quen ve certo impulso político tanto no cuantioso das multas como na celeridade coa que se están a tramitar as alegacións ás sancións.

Efectivamente, existe un criterio político evidente de cara á opinión pública. Sanciónanse persoas as que non se lles viu participar en episodios violentos só para lanzar a mensaxe publicamente de que se é moi duro coas persoas que participan neste tipo de actos. Se a Delegación do Goberno e a Secretaría de Estado seguen adiante coas multas é por dúas vías. A primeira, porque non leron o atestado no que a policía recoñece que non presenciou os feitos ou a segunda, que o leron e lles deu igual. De aquí en adiante, se non se lle pon couto, estamos falando de que se sanciona en base a un acta de incidencia.

Que recollen as actas de incidencia?

Neste caso as actas de incidencia (as 54 que dan lugar ás multas) son exactamente iguais e están asinadas por dous policías que, a súa vez, no atestado di que chegan ao lugar dos feitos despois de que tiveran lugar. É máis, na actas de incidencia acúsaselles aos afeccionados de participar activamente en incidentes violentos cuxa consecuencia foron varias persoas feridas e unha persoa morta. Curiosamente, non se di que as persoas feridas e o asasinado eran afeccionados do Deportivo.

Fronte ás 54 multas de 60.001 euros a afeccionados do Depor, hai cero a afeccionados do Atlético

Polo de agora, hai 54 multas a afeccionados do Deportivo fronte a cantas multas a afeccionados do Atlético?

Multas con resolución a afeccionados do Atlético non me constan. Hai 54 multas fronte a cero. A policía o que fixo foi embolsar todos os afeccionados do Deportivo e sancionou a todos, mesmo cinco membros da Peña Centenariazo, que viven en Madrid e que non se desprazaron desde Galiza. A idea xeralizada de radicais violentos perde todo sentido. Precisamente, se os afeccionados do Deportivo se agruparon foi porque así llo indicou a policía municipal porque estaban sendo vítimas e para preservar a súa seguridade.

Que opina das contradicións das investigacións policiais e das novas liñas de investigación sobre inicialmente arrestados polo asasinato de Jimmy e os menores que se vinculan agora?

Non o sei. Hai dúas persoas que son arroxadas ao río e por cuestión de sorte unha sobrevive. As liñas de investigación diríxeas a policía. Non saben quen é Jimmy, se o primeiro que lanzan ao río ou o segundo. Oxalá dispuxésemos de capacidade económica para poder pedir máis probas. O que está claro é que as persoas acusadas non poden selo só por participación en liorta, senón por tentativa de homicidio.

Máis en Sociedade
Comentarios