Para acabar co acoso sexual que padecen as mulleres no transporte público, Francia anunciou que creará un plan contra este asedio. As medidas deste proxecto, que comezará a aplicarse en outubro, son divididas en tres partes: prevención, con campañas para concienciar o público para o problema; reacción, a través de servizos de alerta eficientes; e sensibilización, con profesionais capacitados e capacitadas para manexar o problema nun ambiente non sexista.
Os datos das enquisas son alarmantes. O Alto Consello de Igualdade entre mulleres e homes entrevistou 600 mulleres na rexión parisiense e concluíu que o 100% das usuarias de transporte público xa foron vítimas de acoso sexual dentro dos metros e autobuses do país. Trátase, segundo este órgano, dun fenómeno amplamente minimizado ou normalizado.
Bélxica ou Arxentina están traballando na mesma liña
O plan, que prevé sancións económicas para os acusados, fai visíbel un fenómeno que até está a ser tolerado. Francia non é o único país que pon sobre a mesa as actitudes machistas no transporte público. Bélxica xa desenvolveu unha lei contra o sexismo en espazos públicos e na Arxentina presentáronse tres proxectos de lei contra o acoso sexual nas rúas.
A campaña francesa espera sensibilizar o pobo sobre a importancia de denunciar e pretende fomentar as testemuñas a tomar partido da vítima, sexa denunciando o agresor directamente ou demostrando apoio á vítima para que entenda que non está soa.