Desde Escárnio e Maldizer impulsábanse iniciativas contra a turistificación e a xentrificación

A zona vella de Santiago de Compostela ten 1.100 vivendas baleiras

Edificio abandonado na rúa San Paio de Antealtares

Dez, cen, mil centros sociais! Escoitábase estes días polas ruelas de Compostela a xente plantada diante dos antidisturbios mobilizados ante o despexo do CSOA Escárnio e Maldizer na Algalia de Arriba. Pode permitirse que esmorezan sen uso edificios históricos no corazón cultural do país? A zona vella ten 1.100 vivendas desocupadas, que representan 14% das existentes segundo dados do Consorcio de Santiago. 

O punto de mira está, estes días, na política urbanística e cultural da cidade histórica de Compostela. Ante a invasión de tendas de souvenirs e de 4,5 millóns de turistas recibidos anualmente, medra o abandono de vivendas. Viven na actualidade por volta de 12.500 persoas, das que arredor de 5.000 son estudantes. Enténdense por vivendas baleiras aquelas que non son residencia habitual nin utilizadas de xeito estacional, periódico ou esporádico por ninguén. Son vivendas deshabitadas.

 

No propio local do Escárnio e Maldizer impulsaban iniciativas contra os procesos de turistificación e de xentrificación, termo relativo a cando as persoas son desprazadas da súa casa e substituídas por outras de alto nivel adquisitivo ante a oferta que lles presenta para mercaren vivendas localizadas nunha contorna de prestixio. Para as persoas maiores que viven intramuros resulta custoso acomodar o fogar ás esixentes normas urbanísticas.

 

Mais na zona vella hai tamén 700 locais baleiros de 1.857 estabelecementos en total. 40 por cento ten uso comercial e 26 por cento hostaleiro, o resto repártese entre oficinas, servizos e outras actividades. Estes dados dan conta da prosperidade anterior sen existencia de centros comerciais, onde a zona vella era un rebulir de venda, actividade cultural e tapeo. Unha cidade por si propia. A metade dos locais son en réxime de propiedade e 38,4% eran de renda antiga, co que a maioría destes teñen no escaparate dende hai anos o letreiro “Alúgase baixo comercial” e non están adaptados ás normas urbanísticas do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica.

 

O mesmo aconteceu no edificio tapiado hai uns días na Algalia de Arriba. Comprouno unha promotora inmobiliaria en 2009 para resolver o contrato de renda antiga que pagaba dende 1957 a agrupación Cantigas e Agarimos e viuse na obriga de marchar a outro espazo. Logo de 3 anos sen uso, no CSOA Escárnio e Maldizer déronlle unha vida sociocultural alternativa ao edificio até o seu despexo por orde xudicial.

 

As leis do mercado inmobiliario 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Nos últimos 20 anos, o Consorcio supervisou máis de 1.600 actuacións en vivendas, cunha subvención media de 8.300 euros, e 450 obras en locais comerciais cunha axuda de 6.000 euros de media, segundo describe o arquitecto Xosé Allegue no seu relatorio “Rehabilitar, rehabitar: turistas vs cidadáns”.

 

Xa en 2013, Allegue defendía que “despois de moitos anos de traballo e moitos millóns de euros públicos investidos, a iniciativa rehabilitadora de vivendas na cidade histórica é totalmente manexada polas leis do mercado inmobiliario, centrándose unicamente na mellora do patrimonio edificado e esquecendo o sentido global da rexeneración urbana que debería abarcar, inescusabelmente, os ámbitos económico e social”.

 

Entre as materias pendentes para a fixación da poboación e a consolidación da función residencial na zona vella, no Consorcio sinalan “a necesidade de vivenda pública en alugueiro, políticas de mobilización de vivenda e locais baleiros, dotacións e equipamento para o barrio”.

 

A expropiación para impedir a especulación

Para frear este declive, en 2006 redactouse unha ordenanza reguladora do rexistro municipal de solares, onde se detalla o procedemento para a rehabilitación forzosa de edificios, mediante a expropiación cando os propietarios incumpren o seu deber de edificar ou rehabilitar.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Entre os mecanismos xurídicos para frear este proceso determínanse funcións para garantir o cumprimento dos deberes urbanísticos de edificación e conservación que pesan sobre o propietario, “non só coa finalidade de cortar de raíz fenómenos especulativos, senón tamén para conseguir a revitalización de zonas urbanas que presenten algún síntoma de degradación, a preservación da imaxe urbana da cidade e a garantía das condicións adecuadas de salubridade e ornato público”, expón a normativa municipal.

 

Mentres, na paisaxe da zona vella proliferan edificios culturais abandonados como a biblioteca de Caja Madrid, a Sala Iago e o local cultural da Algalia. “Pódennos quitar o noso espazo, mais non nos van quitar todo o que temos camiñado dentro del, pois non deixa de ser un recipiente material, pero nós somos moito máis: soños, raiba, ideas e afectos agardando ocupar outros espazos”, defenden no CSOA Escárnio e Maldizer.

 

Os principais portais inmobiliarios teñen á venda máis dun cento de vivendas nesta zona. Das que precisan rehabilitación, 20 por cento anúncianse por máis 500.000 euros e 10 por cento por máis de 1.000.000 de euros. O corazón cultural da cidade histórica, xa feble pola turistificación e a xentrificación, deixa de latexar ante o zunir de balas de goma.

 

As fotografías que van dentro do textode dentro, da autoría de SG, son (1) Operarios a tapiaren o edificio de Algalia de Arriba e (2). Edificio abandonado na rúa San Paio de Antealtares