Zoa o vento e chove con intensidade na Galiza: 'Kirk' deixa máis de 300 incidencias
A chegada da borrasca 'Kirk' á Galiza elevou a alerta no mar, que pasa de laranxa a vermella para esta cuarta feira na costa das Rías Baixas por fortes ventos. Segundo informou Meteogalicia, nesta área espéranse refachos do sur de forza 8-9 en mar aberto até as primeiras horas da mañá.
Segundo confirmou o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, o 112 rexistrou unhas 371 incidencias e máis de 3.000 chamadas durante as primeiras horas da borrasca 'Kirk' na Galiza. O temporal decaerá a partir do mediodía, dixo, antes de pedir "precaución" á poboación, evitar a costa e vixiar a caída de árbores, tellados e outros elementos similares.
Bo día! Estamos pasando a parte máis intensa da borrasca ex-Kirk, pero o temporal persistirá ata o mediodía⚠️
— MeteoGalicia (@MeteoGalicia) October 9, 2024
Os refachos de vento máis intensos rexistráronse en zonas altas e expostas da metade oeste.
A Gándara (Vimianzo): 149 km/h
Muralla (Lousame): 131 km/h pic.twitter.com/QwcRTNnCU4
Segundo os valores extremos rexistrados por Meteogalicia, a estación da Gándara, en Vimianzo (Terra de Soneira) anotou un refacho de vento que alcanzou os 149.3 km/h, seguido doutro rexistrado no Castro Vicaludo, en Oia (Baixo Miño), de 147.6 km/h, e un máis de 133 km/h na estación de San Nomedio, nas Neves (O Condado).
Polo que se refire ás precipitación acumuladas, os valores máximos corresponden á xornada desta terza feira, cando as chuvias intensas anunciaban a entrada de 'Kirk'. Forcarei (Terra de Montes), Lousame (Noia) e Entrimo (Baixa Limia) anotaron rexistros por riba dos 100 litros por metro cadrado: Forcarei, 121,6; Lousame, 119,1, e Entrimo 109 litros por metro cadrado.
En canto ás chuvias, foron moi intensas e persistentes xa dende onte pola tarde.
— MeteoGalicia (@MeteoGalicia) October 9, 2024
Acumulados superiores aos 100 l/m2 nas últimas 12 horas en comarcas de Pontevedra e A Coruña.
Ao igual que o vento, as acumulacións de chuvia seguirán sendo importantes ata o mediodía⚠️ pic.twitter.com/gu6oPBxNTS
Máis dun cento de incidencias
Desde a media noite a combinación de chuvia e vento intensos está a deixar numerosas incidencias na Galiza, nomeadamente nas comarcas atlánticas onde a veciñanza deu aviso de inundacións, desprendementos, pólas e árbores caídas, mobiliario urbano desprazado, fallos no tendidos eléctrico con cortes de luz puntuais, avarías na rede de telefonía e tamén na rede ferroviaria, con incidencias notificadas polos usuarios do tren en Vilagarcía, Padrón e perto da estación de Santiago de Compostela.
Porén, unha das consecuencias máis destacadas até o momento do temporal é a caída dun muro do pavillón deportivo do IES Porto do Son, que obrigou as autoridades educativas a suspender as clases no centro esta cuarta feira.
Co abrir do día as notificacións de danos e complicacións para circular van en aumento. Son as propias usuarias quen dan conta das dificultades para avanzar. Así, viaxeiras por estrada alertan de grandes colectores atravesados no medio do dobre carril que une Redondela e Mos, e que a primeira hora do día aglutina moito tráfico cara a zona industrial do Porriño.
Tamén na A-52, os condutores deron aviso de varias árbores caídas, ocupando os carrís de circulación e dun par de accidentes dos que non puideron dar aviso ao 112, xa que mantén todos os operadores ocupados con esperas de varios minutos.
Tráfico aéreo e ferroviario
Segundo informou Adif, a circulación ferroviaria entre Padrón e A Escravitude (O Sar)viuse afectada debido á caída dunha árbore sobre a infraestrutura. Persoal dea entidade traballa para solucionar a incidencia, que provocou o atraso de varios trens na liña que une A Coruña e Vigo. Ademais, a liña A Coruña - Ferrol, incluída a parada en Betanzos, está tamén cortada. Os transportes faranse por estrada. As conexións aéreas tamén se viron afectadas, concretamente voos con orixe-destino Peinador (Vigo) e Alvedro (A Coruña).
Air Europa cancelou esta terza feira os voos entre Madrid e Vigo de primeira hora da mañá (6.40 e 10.40 horas) e os seus inversos, que despegaban ás 8.40 e 11.25 horas.
Incidencias tamén no Parlamento
As incidencias causadas pola borrasca 'Kirk' tamén se deixaron sentir no Parlamento, a onde o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, chegou con atraso tras ficar atrapado nun atasco por mor dos problemas de circulación derivados do mal tempo, o que obrigou a iniciar o pleno 20 minutos máis tarde do previsto. Ademais, a chuvia coouse até o hemiciclo. As pingueiras obrigaron o deputado do BNG Secundino Fernández a mudar de asento.
A alerta laranxa en terra por vento continuará até pasado o mediodía, con xeiras que poden alcanzar os 100 km/h e acumulación de precipitacións. Tamén no litoral da Coruña e Lugo mantense a alerta amarela por ondas que poden alcanzar os 4 e 5 metros e ventos de forza 7 a 8.