As compañías trasladan a proposta á ministra Reyes Maroto

Zendal e Iberatlantic dispostos a fabricar a vacina Sputnik V na Galiza

A ministra de Sanidade, Carolina Darias visitando a pasada quinta feira as instalacións do Grupo Zendal no Porriño. (Foto: Europa Press)
A farmacéutica Zendal e o grupo Iberatlantic Global Corporation manifestaron ao Goberno do Estado a súa disposición de fabricar na Galiza doses da vacina rusa Sputnik V

A farmacéutica Zendal e o grupo Iberatlantic Global Corporation veñen de dirixirse ao Goberno do Estado para manifestarlle a súa disposición de fabricar na Galiza doses da vacina rusa Sputnik V, unha vez que o seu uso para o espazo da Unión Europea sexa autorizado pola Axencia Europea do Medicamento.

 

Segundo puido saber Nós Diario, os máximos responsábeis destas dúas compañías galegas dirixiron o pasado 22 de febreiro unha carta á ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto onde “nos permitimos confirmarlle a disponibilidade do Grupo Zendal como laboratorio fabricante da Gam-COVID-VAC para súa ulterior comercialización tanto en España como no mercado da Unión Europea, unha vez que o seu uso sexa aprobado polas autoridades sanitarias competentes, susceptíbel de ser exportada a terceiros territorios”.

 

As relacións entre Zendal e Iberatlantic Global Corporation e o Fondo Directo de Inversión Rusia (RDFI) están moi avanzadas. Neste sentido, as compañías galegas sinalan a Reyes Maroto que “veñen establecendo negociacións de forma constante e periódica co Fondo Directo de Inversión Rusia, fondo soberano xestionado polo Ministerio de Finanzas do Goberno ruso, na produción e comercialización nos mercados  internacionais da vacina” e lembran que “Biofabri, S.L, filial pertencente ao Grupo Zendal é o único laboratorio no noso país que dispón de todas as licencias e autorizacións públicas necesarias para producir vacinas de uso humano de xeito integral”

 

Os directivos das dúas empresas adiantan á ministra na súa misiva que “tanto desde Iberatlantic como desde o Grupo Zendal entendemos que a fabricación da vacina Sputnik V contra o SARS-CoV-2 no territorio español suporá un avance científico-técnico  e unha oportunidade estratéxica na elaboración da vacinas COVID no territorio español con capacidade para decidir os destinos das mesmas”. Ao tempo, os grupos galegos propoñen á ministra “a incorporación da viabilidade da fabricación da vacina Gam-Covid-Vac- Sputnik V dentro da axenda da Comisión Mixta-Intergubernamental Rusia-España, a celebrar o próximo 26 de febreiro”.

 

A colaboración entre o Estado español e Rusia na loita contra o coronavirus foi un dos temas tratados onte no marco da décima reunión da Comisión Mixta Intergobernamental de Cooperación Económica e Industrial presidida polo vice primeiro ruso Alexandr Nóvak e Reyes  Maroto. Neste sentido, o xornal ruso Sputnik adiantou que “Nóvak expresou a disposición de Rusia de cooperar con Estado español na loita contra o coronavirus, incluída a produción das vacinas anticovid”. A este respecto, as autoridades españolas estaría agardando á decisión da Comisión Europea sobre o tema, se ben algúns países como Alemaña xa apuntaron uso da Sputnik V para vacinar a súa poboación a partir do mes de maio.

 

Zendal, a veterana farmacéutica galega ligada a familia Fernández  é a compañía escollida pola multinacional estadounidense Novavax para fabricar a súa vacina contra o coronavirus para o espazo comunitario. Pola súa banda, o seu parceiro, Iberatlantic Global Corporation é un grupo con investimentos en diversos sectores da actividade económica e con importantes proxectos desde fai anos en Rusia e noutros países da antiga Unión Soviética. Ambas compañías sinalan na súa carta a Maroto que “neste momento están levando a cabo, con suxeición á máis estrita confidencialidade, os procesos técnicos- informativos conxuntamente co RDFI”, sinalando a Nós Diario fontes coñecedoras da operación que “no caso de desenvolverse as cousas segundo previsto en agosto podería estar fabricándose catro millóns de doses semanais da vacina Sputnik V contra o coronavirus no mes de agosto”.