O Baixo Miño clama contra a instalación de megaparques eólicos na Serra da Groba

O lema empregado polas manifestantes foi "renovábeis si, pero non así". (Foto: Adega).
Baixo os lemas  “renovábeis si, pero non así” e “eólica así non”.

Na mañá ddo domingo tivo lugar unha andaina para protestar contra os proxectos de instalacións de megaparques eólicos na Serra da Groba.

Baixo os lemas “renovábeis si, pero non así” e “Eólica así non”, centos de persoas fixeron a pé e en bicicleta un percorrido de 9,7 quilómetros con saída no Alto da Mata e finalización en Loureza.

Os e as manifestantes, convocados polo Instituto de Estudos Miñoráns, expresaron con esta acción o seu rexeitamento “ao modelo enerxético da Xunta da Galiza”, que pretende instalar 44 aeroxeneradores repartidos en seis parques eólicos por toda a serra, así como catro subestacións de transformación e transporte. .

O acto contou co apoio de organizacións como Adega, Ecoloxistas en Acción, Verdegaia e Greenpeace Galiza, así como formacións políticas como Podemos e o BNG, quen reclamará no Parlamento Galego “a máxima protección medioambiental para a Serra da Groba”.

A produción de enerxía eólica atópase na Galiza en máximos históricos. Segundo os datos fornecidos pola Rede Eléctrica Española, a potencia instalada atinxiu en 2020 os 3.829 megawatts (MW), sinalando a Asociación Eólica Galega (AEG) que a xeración de enerxía por esa vía situouse en 999,23 quilowatts (kW) por hora.

Malia que a Galiza é o segundo produtor eólico do Estado e nesa mesma anualidade exporta 28% da electricidade xerada, as compañías enerxéticas teñen actualmente en tramitación no país máis de 10.000 MW, o que supón aumentar a potencia instalada en máis de 72%.