Exixen a retirada dunha norma que materializará nas aulas ''a ideoloxía do PP''

O BNG reclamará no Congreso español que a dereita recúe e non saque adiante un texto ''que nos devolve á caverna do franquismo''. Pola súa banda, CIG-Ensino insiste no que xa advertiu nos últimos meses: "ante un ministro que actúa como valedor da patronal do ensino privado e da Conferencia Episcopal"


Nos territorios con linguas propias as reaccións de rexeitamento ao borrador da LOMCE non se fixeron agardar. Se a Generalitat anunciou xa que interporá un recurso perante o Tribunal Constitucional, na Galiza foron forzas sindicais e da oposición as que se repuxeron á norma Wert. A deputada do BNG no Congreso d@s deputad@s Rosana Pérez dirixirase na cuarta que vén ao ministro para demandarlle a retirada dun texto "que ataca os principios elementais da educación pública" para devolver este dereito fundamental "á caverna do franquismo".

Centrouse Pérez no retroceso que se impón á hora de fomentar as linguas propias dos territorios, retroceso que tildou de "alarmante" ao ir contra a realidade plurilingüística do Estado para instaurar o español "como lingua única vehicular". Subvencións a centros privados onde se ensinará exclusivamente en español ou onde o alumnado está separado polo sexo; ou unha materia nova alternativa á Relixión que satisfai a demanda dos bispos e da Igrexa son medidas que sitúan o sistema educativo estatal "fóra" do laicismo e do público para devolvelo a tempos "pre-democráticos" cun Goberno central que escollerá o 65% dos contidos do currículo educativo cando as competencias están transferidas a cada territorio.

Desde a formación frontista tamén o voceiro de Educación, Cosme Pombo, se pronunciou en contra da reforma española por atentar contra as competencias galegas en materia lingüística e negar o dereito ao acceso da educación básica obrigatoria. Após unha xuntanza mantida coa Plataforma galega en defensa do ensino público, da cal fai parte o BNG e que se realizou esta terza feira, Pombo recalcou que esta norma "despreza a nosa lingua, cultura e historia", para alén de atacar "os dereitos das nacionalidades históricas.

Pola súa banda, a federación de Ensino do sindicato CIG, o secretario nacional Anxo Louzao insistiu no que xa vén denunciando nos últimos meses: "estamos diante dunha nova reespañolización e recolonización do ensino" que marca o punto de inicio de máis unha "cruzada centralista" contra a diversidade lingüística e cultural das nacións que fan parte do Estado.

No canto de avanzar cara ao laicismo e á aconfesionalidade recollida na Constitución, non só se reforza a aprendizaxe da Relixión católica ao considerala unha materia específica con máis importancia que as linguas propias, senón que se estabelece unha materia alternativa a aquela, garantindo a permanencia da relixión no currículo escolar. "Estamos ante un ministro que actúa como valedor e representante directo da patronal do ensino privado concertado, da Conferencia Episcopal e dos sectores máis reaccionarios", quéixouse Louzao, quen considera a norma como unha tentativa de colocar na educación "a ideoloxía do PP".