A avogacía volve protestar contra unha suba das taxas ''recadatoria''

[Imaxe: Consello da avogacía]
Após as 45 manifestacións que quitaron miles de letrad@s ás rúas da Galiza na sexta feira, profesionais do dereito volveron mobilizarse contra o proxecto redactado polo ministerio de Gallardón que propón impostos iguais "para o señor que gaña 150 mil euros que para o que gaña 25 mil"

Adiantárono na sexta feira: haberá mobilizacións entrementres o goberno español non recúe e retire o proxecto de Lei de taxas xudiciais. E nesta segunda volveron ás rúas. Convocad@s polo Consello da avogacía galega e polos 7 Colexios de avogad@s, miles de profesionais da xustiza secundaron na Galiza o acto convocado a nivel estatal. Din que non protestan por manteren os seus traballos, senón que este tributo supón "unha gravísima restrición, inédita na democracia, dos dereitos da cidadanía e no acceso á xustiza".

Así as cousas, o Consello da avogacía denuncia que, de saír adiante a achega elaborada polo ministerio que encabeza Alberto Ruíz Gallardón, "a principal vítima deste abuso será a cidadanía". Recordan que son os impostos os que sufragan o custo da Administración de Xustiza mais, cando recorren a ela, "atopan unha carga económica intencionada", pois o PP defende o proxecto xustamente polo carácter disuasorio que terá, para aliviar o volume de casos que acumulan os tribunais e sen facilitar máis medios.

Nunha entrevista concedida a unha emisora de radio local, o decano do Colexio de avogad@s de Santiago, Evaristo Nogueira, recorda que a suba das taxas oscila entre os 150 e os 1.200 euros, "e limitarán a moitos cidadáns o acceso á xustiza por motivos económicos, violando o dereito fundamental á tutela xudicial efectiva que temos todos".

Explica que o tributo a pagar será o mesmo "para o señor que gaña 150 mil euros que para o que gaña 25 mil" e, cun claro exemplo, sinala que se unha multa de tráfico de 100 euros considerada inxusta se recorre perante o contencioso-administrativo haberá que pagar 150 de impostos. Quéixanse na avogacía de que Gallardón tirou adiante co proxecto das taxas xudiciais sen tomar en conta a súa opinión, e apelan a un pacto en que sexan ouvidas todas as partes, tamén os profesionais do dereito.

Por tanto, subliña Nogueira que a única razón para a suba das taxas "é recadatoria" e, ao igual que o Consello xeral da avogacía propón no seu manifesto, apela a outras fórmulas como a mediación ou a arbitraxe "e outras alternativas á Administración de Xustiza" para por fin ao colapso, lembrando que o Estado español posúe a ratio de xuízas e xuíces máis baixa de Europa: "un cidadán non vai litigar por litigar. A orixe do problema é que faltan moitos medios".