11x12, folga estudantil nos pobos por unha educación para o pobo

A xornada de protesta na Galiza está convocada por Liga estudantil, Comités e Agir. Falamos coa voceira e cos voceiros das tres organizacións para analizarmos que supón para o ensino galego o xugo español, e facémolo repasando declaracións de Wert. A última delas, esa intención de facer da educación un instrumento para "españolizar" as nacións sen estado.

Este 11 de outubro é día de folga no ensino. As organizacións estudantís nacionalistas dos pobos do estado xuntan forzas para faceren ouvir máis alto as súas reivindicacións comúns, ora por partillaren un marco administrativo imposto, ora pola súa condición de fill@s da clase obreira. É a campaña 11x12, onde o xis fai referenza a outubro, décimo mes do ano, e ten por obxectivo é impulsar unha mobilización que faga tremer o estado dunha punta a outra para denunciar os ataques do Goberno español ao ensino, nomeadamente a través das contrarreformas defendidas polo ministro de Educación, José Ignacio Wert.

Na Galiza, a xornada de folga está convocada por Liga estudantil, Comités e Agir. Falamos coa voceira e cos voceiros das tres organizacións para analizarmos que supón para o ensino galego o xugo español, e facémolo repasando declaracións de Wert. A última delas, esa intención de facer da educación un instrumento para "españolizar" as nacións sen estado.

 

  • "Es un intento grosero y falaz de engañar a la opinión pública hablar de un recorte del gasto"

Daniel Candal (Comités): Como non se vai poder falar realmente de recortes no ensino? Se mirara a realidade vería como cada vez invirte menos na pública, e máis na privada; como coloca cada vez máis trabas para podermos estudar... desde logo que non é un engano! É o que está a aplicar o PP. O que é un intento de enganar é crear unha realidade paralela.

Saleta Chao (Liga estudantil): É el quen engana á opinión pública. Os Orzamentos xerais do estado, sen ir máis lonxe, están riba da mesa. Mais, para alén dos recortes que neles se contemplan, hai que dicir que cuestións como o incremento das ratios por aula ou a redución do profesorado non se practican con leis emanadas das comunidades autónomas, senón con decretos que veñen de arriba.

Miguel Cuba (Agir): Wert é un individuo sen ningún tipo de credibilidade, o ministro peor valorado do goberno español. Esta é máis unha das súas saídas de ton! Calquera estudante, calquera nai, calquera pai, calquera docente... todos saben que o sistema educativo sufriu recortes brutais. E a opinión pública non se engana, porque é quen padece as consecuencias deses recortes. 
 

  • "Nuestro interés es españolizar a los alumnos catalanes"

Daniel Candal: Polo menos dixérono abertamente! Sorprende que o fagan, mais nós levamos tempo denunciando este intento en relación ao estudantado galego e aledánomos de que nos dea a razón e non oculte esas intencións de impor un modelo rancio e españolista. Aínda que, para o PP, instrumentalizar a educación tamén será positivo, claro
 

  • "El Gobierno hará efectivo el derecho a estudiar en castellano"

Miguel Cuba: Non teño ningunha dúbida de que Wert vaia levar a cabo esta proposta. O anteproxecto de reforma educativa xa lles quita as competencias ás comunidades autónomas. Mais... é unha estupidez! Non existe necesidade ningunha de reforzar o español! O único dereito que ten que garantir, e que nós temos que reivindicar, é aquel que nos garanta un ensino en galego, na lingua propia. E é isto o que demanda a sociedade galega, a sociedade catalana e a sociedade vasca.
 

  • "Que la familia no tiene recursos para el pago de estas tasas? Bueno, se puede dar algún caso"

Saleta Chao: Que semente esta dúbida encaixa no discurso demagóxico da dereita, escusándose en que a culpa da crise é nosa por vivirmos por riba das nosas posibilidades. Non é moi críbel que pais que non poden mandar os fillos estudar vaian mercar un Audi, non? O índice de pobreza extrema pódese consultar, e é elevadísimo, para alén de que somos moitos os que dependemos dunha bolsa do ministerio. A dúbida de Wert é un insulto.
 

  • "La mochila digital cuesta la mitad"

Saleta Chao: Que podemos dicir disto? Para alén de facer un chamamento a unha actividade que é ilegal --descarregar da internet os libros de texto--, o problema non está só nos libros, senón en que nestes momentos non se garanten outros dereitos básicos do alumnado, como dispor dun ordenador por persoa nun ciclo da FP.
 

  • "La educación diferenciada no supone unha forma de discriminación, siempre que no suponga desigualdad de oportunidades entre chicas y chicos"

Daniel Candal: A dereita quere segregar con todo! Por sexos, entre alumnos listos e menos listos, entre familias con máis e familias con menos... Referíndonos á cuestión de fondo, as estatísticas dan conta do prexudicial que resulta tal separación [por xéneros] nos procesos de aprendizaxe. Na Galiza a queixa hai que facela tamén porque esta educación, estes centros que segregan, reciben cartos públicos, para alén de estaren xestionados directamente polo Opus Dei e de impor valores reaccionarios. Que o PP queira lexitimar este modelo educativo a ninguén lle sorprende. Agora ben, é un atentado pedagóxico.
 

  • "Uno de los mayores dramas de España es que la mayoría de los parados no tienen estudios"

Miguel Cuba: É paradigmático! Grande parte dos estudantes da Galiza con estudos teñen que emigrar. Entón, ou ben está a dicir que a universidade galega destina recursos públicos para formar traballadores para o estranxeiro; ou ben o que di é que os parados están nesta situación por falta de formación, e entón pregúntome onde están os programas do Goberno español para garantila, programas que si están vixentes noutros estados que aquí se lles di autoritarios ou do Terceiro mundo, como o cubano.