Debate a catro bandas sobre a asistencia sanitaria e cun PP parco en palabras: ''O Sergas non ten albaneis''

Con tal explicación despachou o voceiro de Sanidade no Parlamento galego pola formación conservadora a reprimenda por permitir a entrada de capital privado no novo hospital de Vigo. BNG, PSOE, AGE e PP debateron ao redor do modelo de asistencia sanitaria pola que pulan estas forzas políticas nun encontro organizado por SOS Sanidade pública, Foro galego de inmigración, Asociación galega de medicina familiar e Médicos do Mundo

Igual que unha crianza que tapa os ollos coas mans para se convencer de que ninguén a ve, o responsábel de sanidade do PP no Parlamento galego, Miguel Santalices, describiu esta terza feira a situación que deixan na Galiza o RD 16/2012 redactado en Madrid e outro aprobado un ano antes pola titular do departamento autonómico, Pilar Farjas. E fíxoo como se non houbese quen lle retrucase.

Mais Santalices foi un d@s catro convidad@s ao debate sobre o modelo sanitario que quere a Galiza, partillando mesa coa e cos responsábeis de BNG --Ana Luísa Bouza--, PSOE --Miguel Ángel Fernández-- e AGE --José Cuevas--, que centraron as súas intervencións en denunciar as políticas de benestar aplicadas pola Xunta do PP neste último trienio.

Como prólogo ao encontro, o presidente da Asociación galega de medicina familiar, Suso Sueiro, arremeteu contra "o cheiro a neftalina do asegurado" e contra o empeño en "mudar un dereito polo aseguramento", en referencia ao RD 16/2012 do goberno español, e recordou o chamamento á desobediencia feito por esta asociación a nivel estatal. Mais os "cambios ideolóxicos" na asistencia sanitaria galega --en palabras de Miguel A. Fernández, do PSOE-- non os introduciu Mariano Rajoy.

Un decreto excluínte e que non se aprobou en Madrid, senón na Xunta e polo PP
En setembro de 2011, con Pilar Farjas á fronte da consellaría de Sanidade, na Galiza aprobouse un real decreto que rachou co carácter universal deste servizo e estabeleceu un mínimo de 183 días de empadroamento --seis meses-- para dispor dun cartón sanitario. A excepción, crianzas e mulleres embarazadas, non se respectou tampouco. Xa en maio o Sergas non estaba a atender estas persoas. O BNG pediu explicacións no Parlamento galego polos 30 casos documentados en tres meses, de xaneiro a marzo, nunha investigación informal realizada por Médicos do Mundo.

"Como podemos aprobar algo que fai que o inmigrante non se achegue ao sistema sanitario?", preguntou Fernández (PSOE). Namentres, Ana Luísa Bouza (BNG) recordou que, se ben "Rajoy acelera" o modelo de "poboación segmentada" no país leva un ano implantado, após mudar o PP --a golpe de decreto e sen debate parlamentar-- a Lei integral de saúde aprobada durante o goberno bipartito. "A exclusión dos menores de 26 anos freouse pola presión cidadá e pola presión da oposición", recalcou Bouza, lembrando a Santalices (PP), sentado ao seu carón, que a sanidade se financia "cos impostos, non coas cotas dos enfermos".

Sanidade pagada con impostos: que pague máis quen máis ten
Recalcou Bouza o posicionamento da formación frontista, contraria "á exclusión de calquera colectivo", tamén das persoas denominadas 'rendistas', aquelas cuxos ingresos anuais superan os cen mil euros anuais. De ficaren á marxe do sistema sanitario público e gratuito, estas persoas "poden pagar perfectamente unha sanidade privada". Porén, o seguinte paso que darían sería pedir unha exención de impostos, ao teren que pagar un seguro privado.

"Queremos sanidade universal para poder ter o argumento de que pague máis quen máis ten", explicou Bouza. Na mesma liña pronunciouse José Cuevas (AGE), quen rachou o eufemismo do PP no referente aos baremos de (re)pagamento dos medicamentos: "véndeno ben, parece que pagan os que máis teñen. Para nós a redistribución da riqueza hai que facela por medio dos impostos".

O PP muda 'sanidade gratuita' por 'sanidade solidaria'
Cuevas criticou que o PP "culpabilice os usuarios", e recordou a comparecencia no Parlamento en que a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, dixo que "os pensionistas teñen os armarios cheos de medicamentos". Sen saír da Cámara galega, Miguel A. Fernández (PSOE) acusou a Miguel Santalices (PP) de non terse referido nunca á asistencia sanitaria como "gratuita".

"Ten razón", recoñeceu Santalices. "Non o dixen nunca, porque non o é. A sanidade finánciase cos impostos", apuntou o voceiro do partido conservador, quen aproveitou a súa intervención para desmentir con argumentos lacónicos e imprecisos as reprimendas feitas pol@s compañeir@s de mesa.

  • Exclusión da poboación migrante: "hai un programa especial de protección"

Omite que foi aprobado in extremis para afastar a polémica durante a campaña electoral, e que a prórroga de seis meses da situación actual non ofrece unha solución definitiva. Di que a día de hoxe só hai dous colectivos excluídos, rendistas e estranxeir@s con recursos, "e a min non me preocupa ningún dos dous"

  • Pensionistas avocados a pagar os fármacos: "a ningún se lle cobra máis de oito euros"

Ao lle preguntar desde o PSOE polos 400 medicamentos que foron excluídos do financiamento estatal, apunta Santalices que el retiraría fármacos "como o Duphalac", mais que esa listaxe non a elaborou Rajoy senón a equipa técnica --"non vexo eu a Rajoy alí borrando nos nomes"-- e que "ese é outro debate"

  • Competencias de Galiza na materia: "o dereito á asistencia sanitaria é competencia do INSS"

A título individual posiciónase en desacordo con tal dependencia. Cita varias lexislacións doutros territorios do estado para concluír que en todos se está a cumprir o decreto español. Entre elas fala da de Euskal Herria, mais non di nada de que o Goberno vasco xa se declarou insumiso perante o RD 16/2012

  • Privatización da construción do hospital de Vigo: "o Sergas non ten albaneis"

Non dixo nada dos cambios no proxecto inicial, mediante os cales as empresas adxudicatarias do proxecto saen directamente beneficiadas. Nin da redución de camas das 1.490 previstas ás 900 actuais, nin da intención de manter a empresa sanitaria Povisa como hospital de área, cando a idea era que pasase a facer parte do complexo público. Tampouco se referiu á denuncia de SOS Sanidade pública de que o custe da infraestrutura se multiplicou por sete após deixar o PP que empresas privadas achegasen un financiamento que finalmente non deron aportado, situación que mantén a construción parada

  • Turismo sanitario: "non vou ser eu quen contradiga o Consello de contas e os mil millóns que dixo que se esfumaran por facturas que non se cobraron. Na Galiza hai turismo sanitario" 

Na quenda de réplica José Cuevas (AGE) espétalle que "agora non dubidará do Consello de contas, mais esta mañá dubidaron", en referencia ás declaracións de Feijóo desmentindo un informe que apunta que a Xunta desprazou irregularmente 411 millóns en facturas de 2010 a 2011 para rexistrar así menos déficit

O modelo de asistencia sanitaria que se propón cara ao 21-O
Bouza, Fernández e Cuevas explicaron que nos seus programas electorais se contemplan medidas como eliminar o (re)pagamento dos fármacos para @s pensionistas (PSOE e BNG), nomeadamente para @s crónic@s (BNG); mudar a Lei de saúde para volver á asistencia sanitaria universal (BNG), a eliminación do requisito dos 183 días para acceder a un cartón (PSOE); e non aplicar o RD 16/2012, mais sen explicar como se materializaría tal insumisión (AGE).

Porén, o PP volve colocar as mans diante dos ollos: "nós non levamos nada diso, porque iso xa se está a dar a día de hoxe. A sanidade xa é universal, pública e solidaria", dixo Santalices. Escolleu o cualificativo 'solidaria' fronte a 'gratuita', evidenciando a súa perrencha perante o reproche de non ter pronunciado nos últimos seis meses tal cualificativo no Parlamento en referencia á asistencia sanitaria na Galiza.