Feijóo deixa 40 mil pacientes en listaxe de agarda e unha sanidade en mans da empresa privada

En tres anos son 3.600 as persoas que se sumaron a unha listaxe para seren operadas. O repagamento farmacéutico, o veto a unha ILP avalada con máis de 40 mil sinaturas e a paralización do novo hospital de Vigo completan o repaso que facemos con Manuel Martín, voceiro de SOS sanidade pública, do trienio Feijóo

 

Nos últimos tres anos, as políticas aplicadas polo PP na Galiza en materia sanitaria dirixíronse cara a un obxectivo fundamental: desmantelar o sistema público. Para Manuel Martín, voceiro da Plataforma SOS sanidade pública, a folla de ruta que seguiron é clara: "potenciar o aseguramento privado e deixar en mans privadas a prestación de servizos que até o de agora eran públicos".

Con Martín e a través das denuncias da Plataforma que representa --da cal fan parte partidos políticos como BNG ou PSOE; sindicatos como CIG, CC.OO, STEG ou CSIF; asociacións veciñais; grupos estudantís e multitude de colectivos do ámbito da saúde-- repasamos o que a lexislatura de Núñez Feijóo fixo coa sanidade pública no país.

Incremento das listaxes de agarda: case 40 mil galeg@s non saben cando serán operad@s
O paso pola consellaría de Sanidade primeiro de Pilar Farjas e de Rocío Mosquera, após o traslado a Madrid de Farjas para facer parte do goberno que encabeza Mariano Rajoy desde o 20N, supuxo para @s pacientes da Galiza unha listaxe máis longa en que se colocaren até ser operad@s, e máis tempo que agardar.

As listaxes incrementáronse nun 30% nestes tres anos, con 3.600 persoas máis que cando Feijóo pisou a Xunta. A día de hoxe e segundo as cifras que manexa SOS sanidade pública, case 40 mil galeg@s non saben cando pasarán por quirófano. "E por riba ocultan as listaxes! Máis da metade das persoas non fan parte delas e moitas renunciaron porque desconfían de ser atendidos na privada e non teñen recursos".

Os datos do Servizo galego de saúde recoñecen unha suba media do 20% nestes tres anos. En canto aos tempos e fronte á promesa de rebaixalos, aqueles aumentaron dos 70 até os 80 unha vez sumados os máis de seis meses de agarda que carrexa o hospital vigués Povisa, de titularidade privada mais onde consultan unhas 100 mil persoas en virtude dun concerto coa Xunta. Vén embaixo da cifra de 59,5 días --media de agarda sen Povisa--, que a Xunta gosta de manexar para dicir que a atención sanitaria está mellor agora que en 2005. Outra das promesas incumpridas durante a lexislatura foi a de aprobar unha lei de garantías sanitarias que fixese dos límites de agarda unha obriga legal.

Importar para os hospitais galegos o modelo de financiamento público-privado de Madrid e Valencia
A construción do novo complexo hospitalario de Vigo está paralizada e o seu custo multiplicouse por sete após deixar a Xunta que empresas construtoras e financeiras achegasen o financiamento necesario. "Ao sector privado só lle interesa o lucro", valora Manuel Martín, polo que, de ollarmos o proxecto inicial, veremos como encolleron tanto as instalacións como o número de camas e a oferta de servizos.

Así as cousas, "os amigos de Feijóo" --en referencia a Rodrigo Rato, vinculado a Bankia; e Francisco Camps, vinculado a Caja de Ahorros del Mediterráneo-- "estaban en quebra e non conseguiron xuntar os 190 millóns que debían poñer", entrementres a Xunta pedía un crédito por valor dos outros 180 millóns restantes ao Banco europeo de inversións --entidade que concede préstamos para a construción de infraestruturas públicas, neste caso sanitaria--, "crédito que computa como endebedamento".

Para o 3 de outubro hai convocada en Vigo unha mobilización da Plataforma. Para alén do "rescate" público do hospital, quéixanse de que os novos plans da Xunta manteñan Povisa como hospital de área, cando a idea era que pasase a facer parte do complexo público.

"Vulnerouse o contrato para reducir o número de camas" das 1.490 iniciais até as 900 actuais "e que Povisa manteña a súa posición". O aforro no gasto polos servizos contratados será do 30% segundo as contas de Martín, mais as empresas cobrarán en virtude do proxecto inicial. "É unha fraude. Dunha parede que tería 30 cm de grosor pasouse a unha con 3 cm. É o exemplo máis gráfico do que pasou con este hospital", destaca o voceiro de SOS sanidade pública.

Veto no Parlamento ao debate ao redor dunha ILP avalada con máis de 40 mil sinaturas
Malia ao convencemento de que a ILP contra a privatización da sanidade non recibiría o visto e prace do PP, tanto PSOE como BNG confiaron en que a formación conservadora si permitiría o seu debate. Así, a voceira do PSOE en materia sanitaria, Carmen Acuña, apelou á "actitude democrática", confiando en que "non terán ningún problema en pór esta iniciativa riba da mesa".

Pola súa banda, Ana Luísa Bouza, vaticinou o resultado da votación, mais lembrou que o obxectivo é a divulgación "e un exercicio de democracia para que o PP non poida dicir que ten o apoio da cidadanía para tomar as medidas que toma". Mais o PP fixo uso da súa maioría no Parlamento galego e tombou a posibilidade de debater ao redor dunha ILP que estaba avalada por máis de 40 mil sinaturas. "Foi unha transgresión da vontade cidadá, e o primeiro que faremos será exixirlle á nova Cámara --a que se constitúa após as eleccións de outubro-- que debata e aprobe a nosa proposición de lei", conclúe Manuel Martín. A iniciativa reclama tamén que se recupere o plan de mellora da atención primaria aprobado en 2007 e que botou embaixo o PP.

Aplicación do RD 16/2012: repagamento e facer do dereito á saúde un privilexio para @s asegurad@s
O decreto imposto polo goberno español supón "o intento máis brutal que houbo nunca de acabar co noso modelo sanitario, baseado na universalidade", valora Martín, quen coloca para o novo modelo dúas características: aseguramento e repagamento. "Xa non abonda con acreditar que residimos na Galiza, senón que agora tamén hai que pagar o seguro sanitario".

As principais prexudicadas foron as persoas inmigrantes en situación irregular. Así as cousas, en maio anunciamos xa que o Sergas estaba a saltar mesmo as excepcións contempladas na norma galega --de setembro de 2011-- e negaba a atención sanitaria a embarazadas, menores e mulleres en situación de prostitución. O RD 16/2012 entrou en vigor en xullo, após unha multitudinaria mobilización nacional na Galiza o 3 de xuño.

Coas pensións máis baixas do Estado español, até 730 mil pensionistas (re)pagarán na Galiza os seus medicamentos. "É un atentado contra a equidade e a xustiza e que grava non os luxos nin o consumo, senón a enfermidade". Nos plans da dereita española está tamén que @s pacientes paguen por se faceren probas de diagnose que até o de agora foron gratis. Un exemplo: as mamografías.