A xustiza dá a razón á plataforma pola defensa de San Simón e paraliza a ampliación de Aucosa

Instalacións de Aucosa de Redondela. (Foto: Nós Diario)
O tribunal anula a concesión da licenza de obras porque non se adecúa á legalidade urbanística, e expresa a súa "sorpresa" porque a Xunta aprobara estas obras, que afectarían a Rede Natura e o espazo protexido da enseada de San Simón.

O xulgado do Contencioso Administrativa número 2 de Vigo vén de dar a razón á Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón e paralizar a ampliación de Aucosa, unha empresa de elaboración de fariñas e aceites a partir de peixes, situada no concello de Redondela

No seu auto, o tribunal estimou o recurso do colectivo social e anulou tanto a licencia de ampliación das instalacións como a modificación da mesma, xa que entende que as obras non se axustan á legalidade urbanística e agravarían a situación de incompatibilidade co planeamento que xa ten actualmente Aucosa.

O Concello de Redondela foi quen otorgou a licenza á empresa para que esta acometese as obras, co obxectivo de "modernizar" as instalacións e levar a cabo "melloras medioambientais". Posteriormente, a Xunta informou favorabelmente sobre as actuacións.

Nun primeiro momento, a Plataforma presentou un recurso de posición contra a resolución do Concello. Tras ser rexeitado, decidiu actuar pola vía do contencioso administrativo, que finalmente lles deu a razón.

"Sorpresa" pola decisión da Xunta

No seu escrito, o xuíz instrutor do caso afirma que o arquitecto municipal de Redondela obviou no seu informe que as obras afectarían a Rede Natura e o espazo protexido da enseada de San Simón.

Asemade, o informe sinalaba que non era necesario un estudo de impacto ambiental para a concesion da licenza, xa que aílda que parte das actuacións previstas terían lugar en chan urbano, outra gran parte terían lugar nunha zona de dominio público.

Na sentenza, o maxistrado tamén sinala a "sorpresa" de que a Xunta, a través da dirección xeral de Ordenamento do Territorio e Urbanismo, aprobase as obras

O tribunal recoñece que o Goberno galego adoita aprobar a demolición "de calquera caseto aínda que invada parcialmente este espazo. Porén, no presente caso, minimízase a actuación licenciada e resólvese en sentido contrario".