A Xustiza obriga a Xunta a facilitar información sobre a concesión de contratos de autobús

Antiga estación de autobuses de Santiago de Compostela. (Foto: Europa Press)
Galibus acusara o Goberno galego de "permitir un incumprimento flagrante das condicións de contrato fixadas nas diferentes concesións".

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de determinar que a Xunta debe facilitar a información requirida pola Asociación Empresarial de Transporte de Viaxeiros por Estrada (Galibus) sobre a adxudicación de contratos de transporte por estrada en autobús.

A sentenza, contra a que cabe recurso de casación perante o propio TSXG ou o Supremo, estima o recurso presentado por Galibus contra a resolución da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade que denegaba o acceso da asocación á relación de vehículos e expedientes sancionadores de todos os contratos polos que se adxudicaron lotes para explotar liñas de autobús.

O departamento que dirixe a conselleira Ethel Vázquez accedera a entregar á asociación os informes técnicos das adxudicacións, mais non aqueles relacionados cos vehículos e os expedientes sancionadores, ao entender que isto requiría dunha "acción de reelaboración".

Agora, a sección terceira da sala do contencioso- administrativo do Alto Tribunal galego recoñece o dereito de Galibus a dispor desta información, "previa omisión da información afectada polos límites ou prohibicións contidas nas leis de aplicación".

Nós Diario xa informara en marzo deste ano das protestas de Galibus contra as concesións das liñas regulares de transporte por parte da Administración galega, que remataran cunha caravana de máis de 70 vehículos percorrendo a ruta desde Vigo a Santiago.

Daquela, Fernando García, portavoz de Galibus, denunciara en declaracións a este xornal que o Goberno galego "está permitindo o incumprimento flagrante das condicións de contrato fixadas nas diferentes concesións", ao tempo que criticara que "[a Xunta] emprega diferentes criterios á hora de actuar en función da empresa que sexa".