Xustiza

A xustiza multa os promotores da mina de Touro por impedir o acceso a información ambiental

Vertedura na mina de Touro nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)
O caso remóntase a 2021, cando Ecoloxistas en Acción solicitou á Xunta da Galiza copia dos plans anuais dos labores e do proxecto de restauración da mina.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) condenou os promotores da mina de Touro a pagar 3.000 euros en costas por tratar de impedir o acceso a información ambiental por parte de Ecoloxistas en Acción.

Tal como indicou a asociación ecoloxista, esta sentenza prodúcese despois de que Cobre San Rafael (empresa que explota a mina) presentase unha demanda para tratar de impedir que o colectivo tivese acceso á información ambiental relativa á concesión mineira.

Caso de 2021

O caso remóntase a 2021, cando a organización ecoloxista solicitou á Xunta da Galiza copia dos plans anuais dos labores e do proxecto de restauración da mina, así como de varios informes de inspección e de expedientes sancionadores contra a empresa.

"Aínda que a Xunta concedeu o acceso á información, a sucesión de recursos e demandas presentas pola empresa buscaba demorar que este se fixese efectivo, atrasándoo de feito máis de dous anos", explicou Ecoloxistas en Acción.

"Intencións espurias"

Naquel momento, Cobre San Rafael presentara recurso administrativo acusando Ecoloxistas en Acción de ter "intencións espurias" por utilizar "o leito legal das solicitudes de acceso para obter información sensíbel coa expresa e espuria intención de filtrala e entregala a terceiras entidades que veñen facendo un uso indebido, por manipulación intencionadamente terxiversada e infundada do seu contido".

Con todo, agora o TSXG rexeitou as pretensións da empresa e condenouna ao pago de até 3.000 euros en costas.