A xustiza mostra "dúbidas" sobre a versión do patrón do 'Vila de Pitanxo'

Samuel Kwesi e María José do Pazo, familiar dun dos mariñeiros aínda desaparecidos. (Foto: Javier Parra/Europa Press)
Samuel Kwesi, un dos tres mariñeiros sobreviventes do naufraxio, denunciou "presións " do patrón e do armador para dar unha versión distinta do ocorrido.

A Audiencia Nacional segue a pór en "dúbida" a versión ofrecida por Juan Padín, o patrón do pesqueiro galego 'Vila de  Pitanxo' que se afundiu o pasado 15 de febreiro a 450 quilómetros ao leste de  Terranova, en Canadá indicando que a velocidade do buque na hora da traxedia "suscita dúbidas" sobre a declaración do capitán que sinalou unha avaría nos motores como causa determinante da  escora e posterior afundimento do buque.

Segundo a versión de Padín, un dos tres sobreviventes do naufraxio, sobre as 4 horas parouse o motor do barco, o que sumado ás condicións meteorolóxicas existentes nese momento determinou a sucesiva entrada de auga pola aleta de babor, ocasionando unha cada vez maior escora.

O patrón afirma que deu á tripulación o sinal de abandono do buque, previa colocación do traxe de supervivencia e chaleco salvavidas. "Xa con todo colocado dispoñémonos ao arriado da balsa de babor", engade o capitán, que deixou encargado o primeiro oficial, mentres el se dirixía a arriar a balsa de estribor.

O seu sobriño, Eduardo Rial, e Samuel Kwesi, corroboraron nun primeiro momento a versión de Padín, mais este último, cando tivo que volver repetir a súa declaración, retractouse e detallou o fatídico suceso de xeito totalmente distinto.

Presións do patrón e do armador

Na súa segunda declaración, o mariñeiro deu unha versión "absolutamente distinta" dos feitos. Sinalou que o motor non se parou, senón que as maquinas que recollen o aparello deixaron de funcionar ben, tensando pero non recollendo a pesca, e provocando a escora.

Nese momento gritáronlle ao capitán que soltase os aparellos, pero este negouse. Despois, co buque moi  ladeado, parouse o motor e incrementouse a  escora de babor. Samuel subliñou que en ningún momento o capitán deu orde de poñerse os traxes de supervivencia, aínda que el e o seu sobriño si os levaban, o que lle sorprendeu.

Preguntado polo cambio de versión, manifestou que a primeira declaración foi obtida "baixo presión" inducida tanto polo capitán como polo armador.

"Analizadas as actuacións, comprobamos como existen indicios de que a versión primeiramente ofrecida pode non axustarse á realidade, tratando con iso de eludir as posíbeis responsabilidades", asegura no auto a Audiencia Nacional.

Diferenzas nas versións

O auto explica que o capitán declarou que os compoñentes da tripulación puxéronse os equipos de salvamento, mentres que Samuel di que non. "Este feito queda corroborado coa realidade de que nin o citado mariñeiro nin ningún dos cadáveres recuperados tiña o equipamento de seguridade posto", destaca a Audiencia Nacional.

Por todo iso, dunha análise superficial dos feitos, e "sen prexuízo do que resulte" tras a instrución que corresponde ao Xulgado de Marín, o xuíz induce que "se concitan elementos  indiciarios" que permitirían imputar "polo menos 21 delitos de homicidio por imprudencia grave e contra os dereitos dos traballadores".