A xustiza galega avanza no recoñecemento das identidades de xénero

Dúas sentenzas xudiciais recoñeceron nos últimos catro meses o cambio de identidade de crianzas transexuais. No conxunto do Estado español ditáronse 14 fallos. 

 

Patricia e Sara son as dúas rapazas que conseguiron abrir camiño en Galiza en materia de diversidade sexual e identidades de xénero en menores de idade. En senllos casos, en Lugo e Nigrán, a xustiza recoñeceu o seu dereito a mudar o nome co que foron rexistradas ao nacer por non se corresponder coa súa identidade real. Ese "sexo sentido", como describe Cristina Palacios que, agora si, xa figura na súa documentación oficial. 

O caso máis recente é o de Patricia cuxa sentenza foi coñecida a pasada semana. De acordo co fallo xudicial e, en virtude do artigo 54 da Lei de Rexistro Civil, o nome co que foi identificada "pode inducir a erro" ao non se corresponder co "seu sexo real" como muller. Unha frase "curta" mais "contundente" e "demoledora", explican súa nai, Soledad Fernández e Cristina Palacios, ambas as dúas integrantes de Arelas Asociación de Familias de crianzas transexuais na Galiza (contacto@arelas.org). 

A sentenza sintetiza "toda a nosa loita nunha frase" ao determinar que "o sexo" non vén "fixado polos seus xenitais"

E é que o argumentario despregado pola xuíza de Pontevedra "non deixa lugar a dúbidas", sinala a nai de Patricia, e sintetiza "toda a nosa loita nunha frase" ao determinar que "o sexo" non vén "fixado polos seus xenitais", acrecenta Cristina Palacios, nai de Sara, a primeira crianza á que a xustiza lle recoñeceu este dereito na Galiza. 

Despatoloxizar a transexualidade

O camiño percorrido por Patricia, explica Soledar, "non foi moi longo". O procedemento xudicial iniciárono "en febreiro" e catro meses despois a xuíza ditou sentenza. Porén, para chegar aquí, Patricia tivo que achegar "testemuños" e "documentación" (o carné da biblioteca) que acreditasen a súa vida cotiá como muller e un "informe forense" que determinase a existencia dunha "disforia de xénero", isto é, en termos médicos un "trastorno de identidade de xénero". 

Desde a Asociación Arelas defenden que o reto é agora "despatoloxizar" a transexualidade e que non sexa "un psiquiatra" quen determine a identidade sexual dunha persoa

Desde a Asociación Arelas defenden que o reto é agora "despatoloxizar" a transexualidade e que non sexa "un psiquiatra" quen determine a identidade sexual dunha persoa, tampouco no acceso a determinados tratamentos. "Cando naceu non sabiamos cal era o seu xénero", explica Soledad Fernández a respeito de Patricia, polo que lle asignaron un nome "polos seus xenitais". Un erro que foi xa subsanado embora ter que agardar 14 anos. 

Ao longo deste tempo Patricia levou a cabo o tránsito social e grazas ao "apoio da familia" foi "menos duro" enfrontarse a unha sociedade que continúa instalada no binarismo home/pene-muller/vaxina. Un feito que levou a Patricia a "ocultar socialmente o seu nome". "Cando recibimos a nova da sentencia volveuse tola de ledicia", conta Soledad. 

Mais as cousas están a avanzar. Os bloqueadores ou inhibidores da pubertade xa son máis habituais e, de facto, a propia Patricia accedeu a eles como tamén un mozo da Coruña. "Hai endocrinos favorábeis" embora ser algo "voluntario" ao non existir un protocolo oficial desenvolvido pola Consellaría de Sanidade da Xunta de Galiza. "Estamos á espera de que haxa avances", nese senso, sinalan desde Arelas mais "as cousas de palacio van despacio", acrecentan. Así as cousas, "os endocrinos xa os están a dar" cando as crianzas entran no segundo estadio da pubertade. 

"Vemos que hai debate a raíz das informacións que se van publicando nos medios de comunicación" e "hai xente disposta a axudar", conclúen entre a ledicia que lles achega ter conseguido unha vitoria máis nesta loita por unha sociedade máis equitativa e xusta.