A xustiza embarga unha sociedade do grupo Hotusa, organizador do Foro A Toxa

Amancio López Seixas (segundo pola dereita, en primeira fila) na inauguración do Foro A Toxa de 2022. (Foto: Europa Press)
A xustiza vén de acordar o embargo do inmóbel do antigo balneario da Toxa. O edificio pertence a unha sociedade do grupo hoteleiro Hotusa, propiedade do empresario Amancio López Seixas, quen precisamente destaca polas súas importantes conexións entre as elites políticas e a súa amizade con Raxoi.

O Xulgado de Primeira Instancia número 89 de Madrid vén de decretar o embargo a unha sociedade do grupo hoteleiro Hotusa, propiedade do empresario Amancio López Seixas por negarse a pagar unha débeda cun dos seus provedores. Neste caso, o conglomerado empresarial deixou sen aboar a cantidade de 2.307 euros en concepto de principal e 609 euros por xuros, que se correspondían con diversos traballos executados nos últimos exercicios.

A mercantil obxecto do embargo é Dahab Propertiers, sociedade domiciliada en Madrid cuxo socio único é Zenon Global Propertiers, empresa que ten Amancio López como administrador único.

Precisamente, o ben embargado a esta compañía con varias propiedades no Grove é o inmóbel do vello balneario da Toxa. O grupo empresarial de López fíxose con este ben en 2018, tras a compra do Gran Hotel da Toxa e o Illa da Toxa ao desaparecido Banco Popular, que se fixera con estes bens após a absorción do Banco Pastor, propietario tradicional dos mesmos.

A política laboral

A toma de control destes hoteis por Hotusa non estivo exenta de polémicas. Malia que López Seixas non se fixo coa titularidade dos mesmos até 2018, no ano 2015 encargáronlle a xestión do Gran Hotel da Toxa e o Illa da Toxa, operando baixo a súa marca Eurostars. A súa primeira decisión, en xullo de 2015, foi aprobar un expediente temporal de regulación de emprego voluntario, posteriormente un obrigatorio e a partir de aí toda unha cadea de despidos, pasando o cadro de persoal de 78 a 35 traballadores. Asemade, o proceso estivo acompañado dunha "persecución" contra a representación sindical, como aconteceu anos máis tarde no seu centro de traballo de Chantada. 

Hotusa recoñeceu ao feche do pasado exercicio unha débeda coa banca de 839,1 millóns de euros aos que debe sumar as cantidades sen pagar a centos de pequenos provedores. Segundo puido confirmar Nós Diario a través das informacións achegadas por fontes sindicais, no último ano son moitas as reclamacións recibidas polo grupo por parte de ducias de acredores que lle demandan o pago de diversas cantidades. Neste sentido, critican que o grupo hoteleiro non faga fronte ás súas débedas após ser rescatado en 2021 polo Instituto de Crédito Oficial (ICO) do Ministerio de Asuntos Económicos con 241 millóns de euros, dos cales 190 teñen forma de préstamo participativo.

As organizacións sindicais teñen denunciado neste mesmo ano as débedas de Hotusa co seu cadro de persoal. Así, por exemplo, en marzo de 2022 a empresa do grupo H24 Reservation Services S. L. foi declarada en situación de insolvencia polo Xulgado do Social número 3 de Lugo, logo da tramitación dunha execución polo impagamento dunha indemnización por despedimento e de salarios. Neste caso, a CIG denunciou que o grupo cometeu "fraude para evitar pagar salarios e indemnizacións" e criticou que "se lles permita descapitalizar unha empresa desfacéndose dos seus activos para que paguemos todos as súas débedas".

As débedas de Hotusa

As débedas do grupo hoteleiro cos provedores e traballadores non son óbice para que Amancio López Seixas sexa considerado un exemplo empresarial por responsábeis públicos galegos e do Estado. Neste sentido, son coñecidos os seus contactos no PSOE e, sobre todo, no PP.

A expresión máis evidente das conexións políticas e dos posicionamentos do dono de Hotusa é o Foro A Toxa. O encontro organizado por López Seixas xunta cada ano no seu Gran Hotel da Toxa destacados representantes da elite política, sendo fixa a presenza de ex presidentes do Goberno do Estado como Felipe González e Mariano Raxoi, do mandatario galego e do xefe do Estado, Felipe de Borbón. 
O conclave, que emprega o topónimo deturpado e ilegal desta illa, caracterízase pola súa defensa das posicións neoliberais.

López Seixas e Mariano Raxoi

O fundador de Hotusa, Amancio López Seixas, naceu en Chantada no mesmo ano que o ex presidente do Goberno español Mariano Raxoi (1955), con quen partillou pupitre nos seus anos escolares en León e con quen mantén unha relación de amizade a proba do tempo.
Entre as súas marcas Eurostars Hotels e Exe Hotels, Hotusa conta con máis de 200 hoteis no mundo e completa o control de toda a cadea de negocio coa súa compañía de reservass (Restel) e a comercializadora (Keytel).