Análise

A xustiza, os dicionarios e a lóxica

En 2022 publicáronse 248 números do Diario Oficial da Galiza, isto é, 11 menos que 'Nós Diario' (Foto: Nós Diario).
O presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. analiza a decisión da Xunta de excluír 'Nós Diario' das axudas á prensa diaria.

En días pasados, nunha sentenza redactada en español e utilizando a versión neste mesmo idioma de leis publicadas en galego no Diario Oficial da Galiza, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) decidiu aventurarse no mundo da ciencia lexicolóxica e deixar de lado o mundo da ciencia do Dereito.

Acode o tribunal ao criterio de autoridade da Real Academia Galega (RAG) para definir o concepto "diario". Mais non repara o tribunal en que o dicionario, ademais de nos facilitar información sobre o significado da palabra tamén nos indica sinónimos. No caso de "diario" temos, polo menos, dous: "xornal" e "periódico". Este último defínese como a "publicación que sae á rúa con intervalos regulares de tempo". Iso é o que define Nós Diario desde o día 2 de xaneiro de 2020: saír á rúa a intervalos regulares de tempo, de terza feira a sábado. 

Hai outros periódicos que manteñen outros ciclos, outros intervalos. No século XX foi común que os xornais coñecidos como diarios non saísen as segundas feiras. Na actualidade, e por diferentes razóns, son varios os periódicos que non saen os sete días da semana en formato papel e non por iso perden a consideración de diario. Mais non é só a palabra diario a que está suxeita a esas variacións de significado. 

O mesmo dicionario que define "diario" como "periódico que se publica todos os días" define semana como a "serie de sete días consecutivos". Pensan que a algún xuíz se lle ocorrería asegurar que a semana laboral de cinco días, ou de catro, non se pode chamar semana simplemente por non concordar coa definición do dicionario?

Unha tradición na Galiza

Desde o comezo do século XIX Galiza conta con prensa escrita. E son moitos os exemplos en que a palabra "diario" entra nas cabeceiras dos medios do momento sen que iso condicione o ciclo de publicación. Sabedores os editores de que aí a palabra diario non significa "cada día" nin "todos os días do ano" acaban precisando con máis detalle o alcance temporal da publicación, avisando que non se publica os domingos ou os luns, por exemplo. Porque nunca, -insistimos, nunca- a palabra diario, igual que xornal, se se referir a "publicación periódica", tivo ese valor que pretende darlle o TSXG, o de se publicar os 365 días, ou 366 se é bisesto, do ano. 

O Diario Constitucional de La Coruña comezou a publicarse o 26 de febreiro de 1820. Cesou o 6 de xullo de 1823. Nese período publicáronse 5 números. A un por día non tocou. O Diario de Avisos de La Coruña, publicado entre 1871 e 1893 na tipografía Gutemberg desa cidade, tampouco se publicou todos os días a pesar de manter na cabeceira a palabra "diario".

O mesmo aconteceu co Diario de avisos y noticias de Santiago, que aclaraba que a publicación era diaria agás os domingos; ou o Diario de Lugo, 1872-1884, que se publicaba diariamente agás os luns; o Diario de Pontevedra, publicado desde 1884, foi outra das publicacións chamada diario mais que non se publicaba os domingos.

Acaso o DOG non é diario? 

E cito só aqueles medios que portaban, como Nós Diario, a palabra diario na cabeceira. Ou o Diario Oficial da Galiza (DOG) que utiliza na cabeceira a palabra "diario" e non se publica nin sábados, nin domingos nin feriados mais subxace o concepto de se publicar todos os días que hai contidos lexislativos ou administrativos que publicar. A modo de exemplo, en 2022 publicáronse 248 números, isto é, 11 menos que Nós Diario.

Se o DOG é un diario, Nós Diario tamén. E temos dereito ás axudas públicas por moito que as xuízas e os xuíces gasten o tempo lendo, de pasada, os dicionarios

Porque se o DOG é un diario, Nós Diario tamén. E temos dereito ás axudas públicas por moito que as xuízas e os xuíces gasten o tempo lendo, de pasada, os dicionarios. Todas sabemos de sentenzas en que se ten culpabilizado, por arre ou por xo, quen realmente era a vítima. Tal parece desprenderse dalgunhas pasaxes da sentenza que acusan Sermos Galiza S.A. de acollerse á convocatoria para logo queixarse das bases: "En todo caso, las bases de la subvención fueron aceptadas al solicitar la misma, y a sus términos ha de estarse", di o texto da sentenza.

Parece un despropósito que a xustiza cuestione o dereito a recorrer as bases da convocatoria ou que afirme que estas bases son tan claras que non cabe outra interpretación: "Y dada la claridad, no se hace preciso acudir a otros criterios de interpretación, y en este sentido basta con acudir al diccionario de la Real Academia Gallega, conforme al cual 'diario' es lo que corresponde a todos los días, siendo además ello lógico". 

Un tribunal que recoñece que non hai ningún periódico que se publique todos os días do ano -como consta na demanda- mais que utiliza como argumento para desestimar o recurso de Sermos Galiza unha definición de dicionario que afirma xusto o contrario, pode falar de lóxica?