A xustiza declara legalmente morta Sonia Iglesias, desaparecida en 2010

Algúns dos casos de persoas desaparecidas que seguen activos na Galiza (SOS Desaparecidos).

Os casos de persoas desaparecidas son máis habituais do que se podería supor. Un dos que levaba máis tempo investigado, doce anos, era o de Sonia Iglesias. A xustiza, por unha petición familiar, resolveu declarala oficialmente falecida. Desde SOS Desaparecidos continúan na procura doutras persoas e na actualidade teñen activadas 29 alertas na Galiza.

Sonia Iglesias, desaparecida o 18 de agosto de 2010 na cidade de Pontevedra, está agora legalmente falecida, así vén de anuncialo o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). A tramitación comezou a finais de 2020 a petición da familia da muller no Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Pontevedra, con competencias no ámbito de Familia.

Oficialmente a data que figurará como a do seu falecemento será a de 1 de xaneiro de 2021. 

Sen posibilidade de resolver o caso

Sonia Iglesias Eirín, de 38 anos e veciña de Pontevedra, foi vista por última vez en agosto de 2010, tras o que a súa parella, Julio Araújo, con quen estaba en trámites de separación, presentou denuncia pola súa desaparición. Foi Araújo a única persoa investigada. Con el tiña un fillo en común. Co falecemento deste no seu domicilio en setembro de 2020 aos 62 anos a Policía quedou sen poder continuar co caso. 

O coordinador na Galiza de SOS Desaparecidos, Wenceslao Yañez, indica a Nós Diario que este caso "é o que máis anos leva na asociación". O seu traballo, como o dos que axudan nesta organización, é voluntario.

Xunto á súa muller, María José Díaz, incorporouse á entidade como consecuencia da perda do seu fillo en novembro de 2012. "Nestes casos que duran anos o que facemos, cando é o aniversario, é lembrar a alerta", relata Yañez, "ou tamén cando a familia solicita que o fagamos", engade.

A busca de SOS Desaparecidos na Galiza 

A asociación conta na actualidade con 29 casos activos. "Son os que temos notificación por parte do Centro Nacional de Desaparecidos (CND) ou polas familias que se puxeron en contacto connosco", sinala Yañez. Son os datos oficiais de 2020 por non contar aínda cos de 2021 que poderían facerse públicos este trimestre.

A entidade recibe os chamamentos de axuda por parte das familias aínda que, en ocasións, o camiño é á inversa e son os membros de SOS Desaparecidos os que procuran localizalos unha vez coñecido o caso a través de comunicados e información que reciben por internet. "Primeiro pedimos unha copia da denuncia para comprobar que efectivamente é unha desaparición e non a estean buscando por outros motivos", explica o coordinador de SOS Desaparecidos.

Se a desaparición é dunha ou dun menor daquela teñen que contar coa autorización asinada pola titora ou titor. Nese intre actívase a alerta, sóbese ás redes sociais e difúndese a toda a prensa "ademais de estar á disposición da familia para todo o que precise", engade. 

Para chegar a máis persoas contan cun convenio con Euronet para que os anuncios que preparan aparezan en toda Europa nos caixeiros automáticos "que empregamos cando nos decatamos de que é unha desaparición de longa duración", apunta. Outro dos apoios da entidade é a ONG de Cans de Salvamento da Galiza (Casaga) coa que manteñen un acordo de colaboración "e que son moi útiles cando se trata de buscar persoas no rural". 

"O máis preocupante a nivel galego é a xente maior que comeza a ter principios de Alzheimer e desoriéntase con facilidade", relata Yañez. "As primeiras horas son moi importantes e na Galiza aínda que estean a 500 metros da casa é moito", engade. Outro tema pendente, segundo SOS Desaparecidos, é o das e dos menores que abandonan os centros de acollida.

Comunicar con celeridade a desaparición

O cambio de protocolo de recepción das denuncias facilitou a aparición de moitas persoas desaparecidas. A denuncia debe realizarse no prazo máis breve posíbel e xa non é preciso agardar 24 horas desde que falta. 

Aconsellan, iso si, realizar unha primeira procura no domicilio ou no lugar no que a persoa desaparecida foi vista por última vez.