Opinión

Crueldade

Quitarlle a vida a un ser humano é, agás en caso de defensa propia, inaceptábel. Nada máis sagrado que a vida. As mulleres sabemos o que é perder ás nosas asasinadas. As estatísticas cantan.

Porén, existe aínda unha crueldade maior para xs que quedan: que nunca atopen o teu corpo, que non se saiba o que os asasinos fixeron contigo.

Miña nai tivo unha irmá maior, intelixente e guapa, que desapareceu na posguerra deixando un bebé que aleitaba e unha nena de catro anos. Esfumouse, sen máis. Ela buscouna, desde a outra beira do mar, toda a vida. Non entendía que unha muller deixase dous nenxs tan pequenxs, e seguro que non o fixera. Miña tía pasou ao limbo da máis absoluta incomprensión; a súa familia (ultra en todo) ignorouna por completo. A filla e o fillo foron vivir coa familia do pai (con curiosos vínculos coa Falanxe) e aquí paz e despois gloria.

Hai uns anos, outra miña tía, monxa, que era moi nena cando iso ocorrera, confirmoume o que eu presentín sempre: O marido era moi violento. E celoso, dixo. Non facía falla máis.

Traio esta historia porque hai uns días morreu, Julio Araujo, o único imputado e sospeitoso da desaparición de Sonia Iglesias. Aquí houbo indicios que non se tiveron en conta, contradicións, unha personalidade xélida...  E eu teño a mesma sensación que cando miña tía lanzou un sentimento intacto malia o tempo transcorrido.

A familia de Sonia, á dor insoportábel de perder unha filla, unha irmá, unha nai, suma a desesperada angustia de non saber. Coma as vítimas das ditaduras latinoamericanas, como miña nai e miña tía Carmiña. Non se me ocorre maior crueldade.

Comentarios