A xustiza dálle a razón a Domitila e recoñece a súa inocencia

Foi denunciada, xunto con catro preferentistas máis, por "conduta violenta", "alteración da orde pública" e "comportamento agresivo". 

 

A xustiza fallou a favor de Domitila Vicente, Fernando Asensio, Ana Belén Álvarez, Américo Álvarez e Eugenio Domínguez, @s preferentistas que foran denunciados pola Garda Civil no marco das mobilizacións desenvolvidas polo colectivo de persoas afectadas pola estafa bancaria. 

O xulgado do contencioso administrativo de Pontevedra así o comunicou @s afectad@s que fican absolt@s de toda responsabilidade. Segundo os informes achegados polo instituto armado Domilila, Américo, Fernando, Ana Belén e Eugenio cometeran presuntos delitos de "conduta violenta", "alteración da orde pública" e "comportamento agresivo". Porén, as afirmacións da Garda Civil non se axustaban á realidade. 

Neste senso, acusaban Domitila Vicente, de 82 anos e doente de osteoporose, de ultrapasar un cordón policial até en dúas ocasións causando unha "desorde pública". Feitos que foron negados pola propia Domitila ao asegurar que por mor da súa enfermidade ten que camiñar coa axuda dun andador o que lle reduce a mobilidade. 

18 xuízos gañados

Da mesma maneira, o tribunal de primeira instancia recoñeceu a inocencia doutr@s catro preferentistas que se suman xa ás 18 persoas absoltas no marco de procesos xudiciais semellantes, segundo informou o portavoz da plataforma do Baixo Miño, Xulio Vicente, unha das máis sancionadas. 

Vicente salientou en declaracións á imprensa durante o Parlamento alternativo organizado esta terza feira (14 de abril) polo BNG, o "diñeiro público" que custará "a todos os cidadáns" afrontar os xuízos perdidos pois será a administración a que asuma as costas dos mesmos. Asemade, Xulio Vicente demandou a demisión do subdelegado do Goberno español en Pontevedra, Antonio Coello, a quen responsabilizou das multas postas a preferentistas e tamén ao Concello do Rosal de quen dixo tamén está detrás das sancións.