SANCIONADA POR SALTAR UN CORDÓN POLICIAL EMBORA TER ANDADOR PARA SE MOVER

O xuízo de Domitila

Domitila Vicente. Foto: GZVideos

Domitila Vicente, 82 anos, vai hoxe a xuízo. Está acusada e sancionada por saltar un cordón policial. Domitila precisa andador para se mover. A causa mostra a persecución dos homes e mulleres que defenderon os seus dereitos contra o roubo das preferentes. 

 

Cinco preferentistas do Baixo Miño sancionad@s por participar en actos de protesta van a xuízo hoxe terza feira día 7 de abril en Pontevedra. Unha concentración ás 10 da mañá diante do Xulgado do Contencioso Administrativo apoiará as causas de Domitila Vicente, Ana Belén Álvarez, Américo Álvarez e Eugenio Domínguez, acusad@s por desordes graves nos concellos do Rosal e Tui. 

A Domitila Vicente, veciña da Guarda de 82 anos, acusárona de saltar en dúas ocasións un cordón policial para conseguir entrar na casa do Concello do Rosal. Domitila camiña con dificultade, axudada sempre por un andador. Mesmo así, leva tres anos participando nas protestas contra o roubo das preferentes. Saltar, asegura que non pode saltar ningún valado nin ten posibilidade física de se enfrontar ao máis cativo control policial. Non lle faltan, malia iso, as forzas para defender os dereitos de todos e todas as que padeceron e continúan a ser vítimas do pesadelo das preferentes.

“A min, como a moitos, o tema das preferentes cambioume a vida. Alteroume completamente”, di Domitila Vicente

“A min, como a moitos, o tema das preferentes cambioume a vida. Alteroume completamente”, di Domitila Vicente, como balance de máis de dous anos de loita, poucas horas antes de se enfrontar ao xuízo que é para ela un chanzo máis do seu enfrontamento contra a inxustiza do calote bancario. “Eu xa cobrei mais continuarei até que as forzas me aguanten. Aínda queda moita xente á que non lle deron os seus cartos e así como a min me axudaron eu vou agora axudar no que poda. A Plataforma está para iso”, afirmaen declaracións a Sermos Galiza

“A min multoume a Guarda Civil, acusada de saltar unha barreira policial cando, por desgraza, teño que ir sempre cun andador polas dificultades que teño para me mover. Mesmo me deron un golpe no peito, mais eu non denunciei entón por non me enfrontar coas autoridades. Todo por defender os meus dereitos, metéronme dúas multas nunha hora. Eu non son culpábel de nada. É imposíbel que eu puidera saltar as barreiras. Póñenme multas por riba de querer só defender o meu diñeiro”, explica Domitila Vicente, que vai a xuízo convencida de que non lle será difícil demostrar a súa verdade. 

"Caso sangrante e bárbaro"

“O seu é un caso sangrante e bárbaro do control que se executou contra a Plataforma do Baixo Miño despois de Louzán nos ter acusado de sermos un comando contra o PP”, explica Xulio Vicente, voceiro da agrupación máis perseguida de afectad@s polas preferentes que non dubida en pedir a demisión do Subdelegado do Goberno após estar gañando as demandas dos veciños e veciñas. 

 "Multoume a Guarda Civil, acusada de saltar unha barreira policial cando, por desgraza, teño que ir sempre cun andador polas dificultades que teño para me mover".

“As cinco acusacións que van a xuízo este día 7 en Pontevedra son un exemplo do control da Plataforma. Son maiormente persoas maiores, algunhas con discapacidades, que foron tratadas como delincuentes, utilizando torticeiramente a lei que existe e botando man de sancións administrativas para reprimir a loita. Detrás están os alcaldes do Rosal e Tui  que autorizaron que isto acontecese. Ao de Ponteareas o PP tamén o presionou, pero negouse a consentir que sancionaran a ninguén”, sinala Xulio Vicente da persecución que padece a Plataforma do Baixo Miño, unha das máis activas e que continúa reclamando os 200 millóns que aínda se lle adebedan a máis de 15.000 persoas. “Escotet resolveuno devolvendo os cartos ás persoas que estaban na rúa, mais agora queren aforrar os das que non protestaron, as máis vulnerábeis por outra parte. Nós esiximos que se devolva a totalidade do roubado e que se depuren responsabilidades deste drama”, defende ao tempo que comenta que á Plataforma seguen a chegar casos de xente que aínda agora descobre que os seus cartos están bloqueados nas preferentes. O máis recente, o dunha moza do Morrazo que só á morte do pai soubo que tiña 13.000 euros nas preferentes. 

A Bruselas para aclarar as contas 

O día 16, Xulio Vicente irá a Bruselas canda Manuel Domínguez -presidente da Asociación Marusía de emigrantes retornad@s- para esixir a devolución total dos cartos, a depuración de responsabilidades e a condena da actuación do PP contra @s preferentistas coa imposición de sancións administrativas por defenderen os seus aforros na rúa. “Son máis de medio cento de sancións. Algunhas tan delirantes como chegar a sancionar un home que morrera no 2009 porque o coche aínda estaba ao seu nome ademais das de ir ás mobilizacións sen cinto de seguridade ou falando por teléfono no coche”, explica. 

"Xa cobrei mais continuarei até que as forzas me aguanten. Aínda queda moita xente á que non lle deron os seus cartos e así como a min me axudaron eu vou agora axudar no que poda".

Co convencemento de que a razón está da súa parte e coa vontade de deixar á vista as inxustizas cometidas contra @s preferentistas nas súa longa loita, a Plataforma está a recorrer todas as sancións, co risco de ter que pagar as costas xudiciais. “Queremos que se investigue todo o que pasou, a participación de alcaldes, gardas civís e policía na persecución das persoas que se mobilizaron por defenderen os seus dereitos, un escándalo que queremos que se aclare. Somos conscientes de que iso está a bloquear os xulgados por un capricho do subdelegado do goberno e tamén diso el é o responsábel político”, engade Xulio Vicente. 

Os casos de Domitila Vicente, Encarnación Santos e María Elvira fan parte da campaña con testemuñas persoais de persoas sancionadas desenvolvida por Gzvideos para denunciar a represión da Plataforma e a que a causa das preferentes está aínda sen pechar.