O Celta aparta Santi Mina dos adestramentos após ser condenado

A xustiza acordou impor unha sentenza de 4 anos de prisión ao futbolista por un delito de abuso sexual. Tamén lle impón unha orde de arredamento cunha distancia mínima de 500 metros coa vítima durante 12 anos, e un réxime de liberdade vixiada.
Os futbolistas David Goldar e Santi Mina, durante o xuízo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Os futbolistas David Goldar e Santi Mina, durante o xuízo. (Foto: Europa Press)

A Audiencia de Almería acordou impor unha pena de catro anos de prisión para o futbolista do Real Club Celta de Vigo, Santi Mina, após condenalo pola comisión dun delito de abuso sexual.

Mina enfrontábase a unha acusación de agresión sexual por parte da Fiscalía e da acusación particular, que finalmente foi confirmada como abuso sexual.

Ademais, tamén foi condenado a indemnizar a vítima do abuso cunha indemnización de 50.000 euros.

O outro xogador que estaba a ser xulgado xunto co céltico, David Goldar, actualmente na disciplina da Unión Deportiva Ibiza, resultou absolto do delito de colaboración necesaria.

Orde de arredamento e liberdade vixiada

No auto da Audiencia de Almería, o tribunal tamén impón unha orde de arredamento a Santi Mina, que deberá manter unha distancia mínima de 500 metros coa vítima durante 12 anos, e un réxime de liberdade vixiada.

Esta previsto que a defensa do xogador do Celta recorra contra a sentenza.

Durante o xuízo, a letrada defensora argumentou que a noite que ocorreron os feitos, en xuño de 2019, existiu consentimento por parte da vítima do abuso sexual.

Nas tres sesións do xuízo, a defensa chamou a declarar psicólogos e un detective privado co que pretendían demostrar que non existía a afección psicolóxica que a vítima manifestara.

O Celta aparta o xogador dos adestramentos

Unha vez foi pública a sentenza da Audiencia de Almería, o Celta optou por apartar Santi Mina dos adestramentos, ao tempo que anunciou a apertura dun expediente disciplinario para "dilucidar as súas responsabilidades laborais á vista da resolución".

A entidade deportiva afirma que está na "obriga de tomar medidas fronte a aqueles feitos que menoscaban de maneira notoria a imaxe do club e atentan directamente contra os seus valores".

Pola súa parte, a agrupación Siareiros Celta Vigo condenou de maneira "enérxica" e mostrou o seu "desprezo" por uns feitos que cualifican de "intolerábeis".

A defensa de Mina anuncia que apelará

En canto á avogada defensora de Santi Mina, Fátima Rodríguez, anunciou que presentará un recurso de apelación contra a sentenza.

Segundo a letrada, o tribunal da Audiencia de Almería cometeu "importantes erros na valoración" das probas expostas durante as sesións do xuízo.

Comentarios