A Xustiza condena o Sergas a indemnizar unha familia por "mala praxe" nun parto

O Alto Tribunal galego destacou a rapidez da actuación da matrona, ao tempo que condenou o Sergas pola ausencia do xinecólogo (Imaxe: EFE Saúde)
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza considera que a presenza do xinecólogo, presente no hospital mais ausente no parto, era "imperativa" tras detectárense complicacións. O Sergas deberá indemnizar con 70.000 euros a familia en atención aos coidados da crianza, que presenta 15% de minusvalía.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) condena o Servizo Galego de Saúdes a indemnizar con 70.000 euros unha familia de Porto do Son por mala praxe no parto, no que non estivo presente o xinecólogo, e que foi atendido por unha matrona do Hospital do Barbanza pese as complicacións. A crianza presenta unha minusvalía de 15%.

A familia reclamou ao Sergas e mais a súa aseguradora por unha "mala atención" no parto. Logo de estudar o historial clínico, os informes de viabilidade e periciais e mais a reclamación patrimonial o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Compostela desestimara a demanda, valorando que o proceder fora o correcto.

Por ese motivo, a familia decidiu apelar ao TSXG, que nunha sentenza con data do 22 de xuño de 2020, sinala que "se ben na fase previa ao parto a actuación asistencial foi correcta; unha vez manifestada a distocia dos ombreiros, moi grave e que pode deixar graves secuelas no bebé e na nai, non se actuou conforma á lex artis".

O fallo xudicial destaca "a evidente rapidez coa que actuou a matrona neste caso", mais destaca que "non se alcanza a comprender a ausencia" do xinecólogo, que se atopaba no hospital no momento do parto e unha vez detectadas as complicacións. Por ese motivo, apoia que se produciu "mala praxe". Así, a sala revoga a sentenza do xulgado compostelá e estima o recurso, acordando que se indemnice con 70.000 euros á familia en atención aos coidados que requirirá a crianza ao longo do tempo.