A Xustiza anula o intento da Xunta de repotenciar un parque eólico en Ponteceso

Parque eólico no Monte Seixo na Serra do Cando. (Foto: Carlos Solla)
O TSXG tomba o intento do Goberno de Feixoo de repotenciar un parque eólico saltándose o prazo mínimo de exposición do informe de impacto ambiental e sen presentar os informes sectoriais.

Nun veredicto pioneiro, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) anulou nunha sentenza esta sexta feira a repotenciación do parque eólico do Roncudo, na parroquia de Corme, en Pontecesures, por reducir a Xunta á metade o prazo para presentar alegacións ao informe de impacto ambiental e non presentar os informes sectoriais.

En febreiro de 2018, o Executivo que encabeza Alberto Núñez Feixoo declarou de "interese especial" a instalación de novos e máis potentes aeroxeradores no parque, indica o auto xudicial, para “tramitala de forma prioritaria”, diminuíu de 30 a 15 días hábiles os prazos para o procedemento de autorización administrativa previa e construción, para a avaliación ambiental e o proxecto sectorial.

Violación das normas ambientais da Unión Europea

Non obstante, a sala do Contencioso-administrativo considerou improcedente a aplicación da Lei 5/2017 -que permite fixar en 15 días os procedementos nos casos avalados pola Xunta- no conxunto do proceso, e declara que é contraria a dúas directivas europeas de medio ambiental, que estabelecen que os trámites ambientais teñen que manterse en 30 días para poder consulta e alegar sobre o informe de impacto.

"Nada impide reducir o prazo de información pública de 30 días á metade" para a autorización previa e de construción, explica a sentenza, así e todo, inciden en que “non acontece o mesmo” no que atinxe ao trámite de avaliación ambiental.

Aínda que as exposicións públicas comecen ao tempo, sexa como for, as alegacións sobre o informe de impacto ambiental teñen que poder producirse até 30 días despois, reitera, sinalando que “a primacía do dereito comunitario non deixa lugar a dúbidas”, nunha resolución contra a que se pode presentar aínda un recurso de casación.

Carencia de informes sectoriais

Outro dos aspectos que contradí a lexislación da UE, sostén o tribunal, é que a Xunta non presentou os informes sectoriais, que tiñas que estar preparado antes de someter o proxecto a información pública.

O saltarse este paso, as persoas interesadas "non puideron exercer de forma plena o seu dereito a participar de forma efectiva e con pleno coñecemento de todas as opcións que se presentaban", conclúe.

Baleiro legal aproveitado polas empresas

A finais de 2021, o TSXG alertou da inseguridade xurídica na que se moven os parques eólicos, cun “baleiro legal en materia ambiental” permitido pola Xunta “no que que se amparan as empresas enerxéticas para levar adiante os seus proxectos".