A xustiza absolve os nove activistas condenados por "ocupar" o balcón da Casa Cornide

Algúns dos activistas da Casa Cornide absoltos. (Foto: Nós Diario)
Contra a nova sentenza non cabe recurso ordinario.

A Audiencia Provincial da Coruña vén de resolver favorabelmente o recurso presentado polos nove activistas que subiron ao balcón da Casa Cornide, na Coruña, en 2017, contra a sentenza que os condenaba a pagar 180 euros cada un por un delito leve de sancións. 

A nova sentenza, que revoga e deixa sen efecto a emitida polo Xulgado de Instrución número 4 da Coruña, fai prevalecer o dereito á libre expresión sobre o presunto delito de coacción, explica a Nós Diario a portavoz dos activistas, Elvira Blanco Pérez.

Segundo detalla, a Audiencia da Coruña considera que, tal e como os activistas aseguraban, o acto de subir ao balcón da Casa Cornide, propiedade da familia Franco, era "simbólico", e non se trataba en ningún caso dunha acción mediante "o uso da violencia e a intimidación.

"Nós só o fixemos para denunciar o estado do inmóbel e exixir que se tomasen as medidas necesarias para evitar o seu progresivo deterioro", engade a portavoz.

Libre absolución

Elvira Blanco, ao igual que Bieito Lobeira, outro dos activistas condenados en primeira instancia, cualificou a sentenza revogada de "esperpéntica" e "escándalo democrático", tanto pola súa interpretación dos feitos como polo seu "léxico", con termos propios "da época de Franco".

Con esta nova sentenza, as nove persoas obtiveron a libre absolución, polo que non deberán pagar a sanción de 180 euros nin facerse cargo dos custos do xuízo.

Por outra parte, contra esta sentenza non cabe recurso ordinario. "Os nosos avogados están a revisar se existe algunha posibilidade que os Franco presenten recurso de casación, mais en principio semella que non é posíbel".

A portavoz dos activistas asegurou que están "moi contentas" polo fallo da Audiencia da Coruña, xa que supón un novo pulo para a liberdade de expresión e na defensa da Casa Cornide.