A Xunta Xeral de accionistas de Sermos chama a se subscribir ao Diario Galego

Xunta Xeral de accionistas de Sermos Galiza S. A. do sábado.

A Xunta Xeral ordinaria de accionistas de Sermos Galiza S. A. concluíu cun chamado a se subscribir ao Diario Galego, o proxecto de xornal en papel promovido pola empresa.

A xunta, celebrada este sábado, valorou moi positivamente a iniciativa desenvolvida polo Consello de Administración, ao que instou, ademais, a poñer en marcha medidas para acadar os 3.000 subscritores e subscritoras antes do 31 de xullo de 2018. É dicir, ao longo de maio, xuño e xullo. Estes son os apoios e os prazos necesarios para que o novo produto xornalístico estea na rúa en 2019.

 

O Consello de Administración, presidido por Xoán Costa, informou ao accionariado de Sermos das “medidas específicas” adoptadas no proceso e dos contactos realizados para conformar o grupo impulsor. Tres grupos de persoas traballan xa no proxecto do Diario Galego: un deles dedicado ás tarefas de impulso e lanzamento, outro para procurar subscricións e outro na dimensión xornalística. Nos tres hai persoas da empresa e outras alleas á mesma.

 

A Xunta Xeral de accionistas tratou, a maiores, outros temas. As contas -por segundo ano consecutivo houbo resultado económico positivo- e o informe de xestión foron aprobadoas sen ningún voto en contra.  

 

A xestión ordinaria da empresa -funcionamento do semanario, do portal web ou da edición de libros- foi igualmente obxecto da xunta. Como tamén a valoración da conmemoración do quinto aniversario de Sermos Galiza, ocorrida entre o 26 de abril e o 25 de xullo de 2017.

 

Nota: imaxe da Xunta Xeral de accionistas de Sermos Galiza S. A. do pasado sábado.