Medio Ambiente xa tramitou a metade dos 140 expedientes de parques eólicos pendentes, aprobando sete de cada dez

A conselleira censura a "falta total de planificación" por parte do Ministerio. (Foto: Y. C.)
O próximo 24 de xaneiro remata o prazo fixado polo Ministerio para resolver estes expedientes e evitar que perdan os permisos de acceso e conexión á rede eléctrica.

A Xunta da Galiza leva tramitadas 64 declaracións de impacto ambiental (DIA) para parques eólicos das 140 que debe emitir até o vindeiro 24 de xaneiro, data na que remata o prazo dado polo Ministerio de Transición Ecolóxica para que se emita esa declaración —favorábel ou desfavorábel—, debido a que, en caso contrario, perdería o dereito de acceso e conexión.

Diso informou esta sexta feira a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, quen cargou contra o "capricho" do Ministerio de fixar esta prazo límite para a emisión das DIA, xa que o día 25 remata "un fito" para estes 140 parques sobre os que hai que informar do seu impacto ambiental.

A preguntas da prensa nun acto en Santiago, a conselleira estimou que arredor de 70% das declaracións ambientais foron favorábeis, namentres o 30% restante resultaron negativas. Porén, precisou que as favorábeis son "condicionadas", de forma que o promotor decide "se o custo é maior ou menor, se compensa ou non compensa", en relación cos requisitos estabelecidos pola Administración. Posteriormente, o departamento de Industria é o responsábel da autorización.

Neste senso, Vázquez censurou que "houbo unha total falta de planificación" por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica, pois se marcaron ás comunidades autónomas "unha serie de fitos que non están avalados por nada, que é un capricho nun momento determinado".

Isto implica "facer un esforzo enorme desde o punto de vista do persoal e simplificación, por suposto, sen restar en ningún momento os criterios desde o punto de vista ambiental", apuntou, con base nos informes sectoriais e consultas a municipios durante a fase de tramitación.

Considera a conselleira que é preciso "avanzar cara a enerxías renovábeis", pero "con sentidiño". "As comunidades non podemos ser simples xestorías dun Ministerio con certos caprichos que non nos traslada nin persoal nin medios", reprochou. "O esforzo foi tal que desde finais de 2022 e o que vai de 23 emitimos 64 DIA", salientou, "traballando arreo para que a comunidade autónoma non teña ningún tipo de responsabilidade en relación a ese fito que marcou o Ministerio".

"Espero que podamos cumprir", concluíu Vázquez, quen tamén deu as grazas a "todos" os técnicos de todas as consellarías que "non puideron coller vacacións", dado que "están a traballar sábados e domingos" para resolver esta morea de expedientes.