A Xunta valora pechar os ambulatorios dos municipios con menor poboación

O Sergas abriu a porta á centralización das consultas de centros de saúde en municipios pouco poboados cara a cabeceiras de comarca ou hospitais comarcais. Nós Diario conversa cun dos alcaldes aos que afectaría esta medida, o rexedor de Muras, que demanda "máis información" á Xunta e cun profesional da Atención Primaria que critica que, de aplicarse, a iniciativa da Administración racharía coa "atención continuada". 

"Penso que ao facer pública esta información durante o estado de alarma o que conseguiron foi que as veciñas se preocupasen", valora o alcalde de Muras, o nacionalista Manuel Requeijo, preguntado pola posibilidade que estuda o Sergas de pechar centros de saúde de municipios con baixa densidade de poboación, desviando as consultas a centros de maior envergadura ou hospitais comarcais.

Requeijo foi contactado a pasada sexta feira polo xerente do Hospital Universitario de Lugo, o HULA, quen lle trasladou que se está a valorar esa idea desde a Consellaría de Sanidade. "Explicoume que valoran a posibilidade de centralizar a atención, por exemplo, no caso de Muras, o centro de saúde pasaría a ser o de Vilalba, ademais de aumentar a atención telefónica”, engade o alcalde de Muras a Nós Diario.

Cómpre aclarar como se xestionarían as citas de pacientes que si requiren unha presencialidade, di Requeijo

"Entendo a idea, mais penso que cómpre aclarar como se xestionarían as citas de pacientes que si requiren unha presencialidade, como é o caso de quen recibe un tratamento con Sintrom ou curas con periodicidade", apunta este rexedor dun municipio cunha poboación moi envellecida. O Sergas tamén contactou co rexedor do municipio de Xermade. Ademais, fontes sindicais da área sanitaria da Mariña consultadas por Europa Press confirmaron que desde a xerencia da área se lles informara da posibilidade de ser derivados a outros centros.

"Considero que, de aprobarse, é necesario achegar a información precisa para poder trasladar esta decisión á poboación. Eu teño que ser quen de explicarllo á veciñanza", comparte Manuel Requeijo, quen declina valorar a proposta do Sergas ao "responder a uns criterios médicos". 

Máis atención telefónica

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, ratificou o sábado que o Sergas está a analizar esta posibilidade, matizando que non hai ningunha decisión pechada até o momento. O xefe do Executivo galego esgrimiu que, toda vez que se estendería a atención telefónica ás doentes, as profesionais sanitarias poderían dedicarse á tarefa de realizar as probas da COVID-19.

"Fariámolo en hospitais comarcais e centros de saúde con dimensións", apuntou. De facto, desde onte os hospitais do Barbanza, a Mariña, Monforte e Valdeorras vanse sumar progresivamente aos das grandes urbes na realización de tests sen que as pacientes teñan que descender dos seus vehículos.

A porta que vén de abrir o Sergas foi criticada polo partido político En Marea, valorando que é "a dispersión poboación protexe da expansión do coronavirus". Así o trasladou o  seu representante, David Rodríguez, nunha reunión dos partidos políticos co titular do Goberno galego. Rodríguez engadiu que a proposta "é contraria ás recomendacións da propia Organización Mundial da Saúde (OMS)".

O concepto de atención continuada e de proximidade perderíase, apunta o médico José María Dios

"O concepto de atención continuada e de proximidade perderíase", puntualiza o doutor de Atención Primaria José María Dios en declaracións a este medio, cualificando a posibilidade que presenta o Sergas de "arriscada e pouco efectiva". José María Dios tamén cuestiona a duración desta posíbel medida e abre varios interrogantes: "Será temporal? Ou estamos ante outro exemplo de desmantelamento da Atención Primaria por parte do Sergas? Vaise reverter?".

Mentres, os propios centros da rede de Atención Primaria están a reconfigurar a súa atención á poboación, apostando nalgúns casos por concentrar a atención a doentes con patoloxías respiratorias para minimizar a posibilidade dun contaxio pola COVID-19. A iniciativa partiu das propias profesionais sanitarias, segundo trasladaron os colexios de médicos galegos, quen tratan así de optimizar recursos, diminuír os riscos e mellorar o descanso das traballadoras.