Atención Primaria reorganiza a estrutura asistencial para frear o coronavirus

A reorganización dos recursos sanitarios habilita centros de saúde para persoas con doenzas respiratorias.
Centros de saúde da Galiza optaron por reorganizar a atención ás usuarias da Atención Primaria. Algúns centros decidiron concentrar a atención de pacientes con patoloxías respiratorias e asistir ao resto noutros espazos sanitarios co obxectivo de minimizar o risco de contaxio por coronavirus.

A iniciativa de reorganizar parte da estrutura asistencial, explican desde os colexios de médicos da Galiza, partiu das propias traballadoras en áreas sanitarias como a de Vigo, onde a proposta das profesionais foi avalada pola xerencia da zona.

Dentro da propia cidade, sinalan, habilitaron centros de saúde específicos para a atención de pacientes con patoloxías respiratorias. Así, segundo o vicepresidente do Colexio de Médicos de Pontevedra, Manuel Rodríguez Piñeiro, un usuario do centro de saúde de Bembrive, en Vigo, "debe acudir a Sárdoma se ten doenzas respiratorias".

Comarca do Condado

Ademais, a veciñanza de Mondariz, Salvaterra de Miño, As Neves e Ponteareas con enfermidades infecciosas será atendida no centro sanitario desta última localidade, capital da comarca do Condado, designado para concentrar este tipo de asistencia.

Esta organización, destacou o doutor Rodríguez Piñeiro, partiu de traballadoras dos centros de saúde porque se estaban "poñendo en risco moitos recursos humanos". Deste xeito, buscan evitar, na medida do posíbel, contaxios por coronavirus entre o persoal de Aten

ción Primaria.

Probas de coronavirus

Neste sentido, os pacientes sospeitosos de estar infectados por coronavirus serán derivados a determinados centros de saúde onde os médicos de familia "poderán facer a solicitude da proba PCR", matizou Manuel Rodríguez, unha petición que até o de agora só facía o hospital correspondente.

Na área de Pontevedra e O Salnés, o consultorio de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, pecha ao público desde esta segunda feira, e o centro de saúde de San Roque concentra a asistencia, con cita telefónica, no marco da crise polo coronavirus.

Comarcas do interior

Na cidade de Ourense, segunda informan desde o colexio de médicos, a atención presencial que se dispensaba os sábados pola mañá trasládase ao Punto de Atención Continuada (PAC) co apoio dos médicos de familia propios do centro sanitario.

Segundo detallou o doutor José Luís Jiménez, esta mundanza responde á "autoorganización" das profesionais para "unificar" a atención na mañá dos sábados co fin de "agrupar traballo, evitar contaxios e facilitar o descanso" das traballadoras sanitarias.

Optimización de recursos

Neste momento, informan desde as entidades colexiais, analízanse medidas concretas para a optimización dos recursos en cada área sanitaria, que na comarca da Mariña tamén pasan pola reorganización dos centros de saúde e o rexistro de profesionais dispoñíbeis.

Nesta liña, o presidente do Colexio de Médicos de Lugo, Manuel Fenda, explicou que procederon a elaborar unha listaxe de persoal sanitario sen título de especialista, que inclúe facultativos de "ultramar" como "arxentinos e venezolanos", así como xubilados, co fin de contar con "voluntarios" en caso de ser necesario.